www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

Veciños de O Viso péchanse no Concello para protestar polo trazado da A-57
Institucional • 30/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Os afectados abandonaron o encerro ás dúas da madrugada e non desbotan novas protestas nos vindeiros días. Os veciños mostráronse molestos ante as afirmacións do Secretario Xeral do PSdeG, Manuel Vázquez quen a pasada semana afirmou en Redondela que o proxecto de Fomento contaba co apoio da cidadanía


Unha vintena de veciños da zona de O Viso, directamente afectados polo trazado da alternativa 5 de conexión da A-57 con Peinador, pecháronse na noite de onte no concello de Redondela logo de celebrarse a sesión plenaria.


Os veciños, que durante toda a sesión mostraron pancartas nas que se podía ler “eu digo non” ou “Blanco atento corrixe en Fomento o que está mal feito”, mostráronse especialmente molestos coas declaración do Secretario Xeral do PSdeG, Manuel Vázquez quen a pasada semana nunha visita a Redondela afirmou que a cidadanía apoiaba o proxecto de Fomento para a futura conexión da autovía co aeroporto.


O alcalde, Xaime Rei, non puxo impedimentos á protesta veciñal aínda que puntualizou que chamaría á policía nacional no caso de que o peche se prolongase por máis dunha noite


Finalmente os veciños, aínda que tiñan previsto pasar a noite no salón de plenos,  decidiron abandonar a protesta pasadas as dúas da madrugada, segundo información da policía local. Con todo non desbotan novas accións de cara a futuro e lembran que foron máis de dez mil as alegacións presentadas contra a autovía o que demostra que a cidadanía non está de acordo co traxecto desa infraestructura.


Tráfico
Previamente, na sesión plenaria abordáronse diferentes cuestión relacionadas directamente co tráfico. Así o concelleiro delegado de tráfico compareceu a petición do PP para dar conta das medidas adoptadas polo seu departamento para tentar minimizar os efectos das obras de humanización que se están a realizar na zona de Vilavella.


Na comparecencia Reguera informou de medidas tales como a prohibición de circular polo casco urbano aos camións que se dirixen cara Amoedo e que agora se desvían por os Valos ou a vía alternativa polo paseo de A Xunqueira e Ernestina Otero para as saídas en dirección a Vigo ou O Porriño.


Unhas explicacións que non convenceron aos populares. O edil Alberto Pazos afirmou que “Redondela está sumida nun caos circulatorio sen precedentes o que causa graves dificultades ao comercio local” e afirmou que o goberno local está a obviar problemas como o aparcamento, a accesibilidade ao comercios ou a mobilidade dos peóns


Reguera rematou a súa quenda de intervencións retando aos populares e cruzar o centro da vila en coche “xa que nin nos momentos de maior tráfico se tarda máis de cinco minutos en percorrer o centro dun extremo a outro” e lembrou o “bo funcionamento da zona azul, unha medida que está a resultar moi satisfactoria a pesar da oposición dos populares”.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: