www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 16 de Outubro de 2019

O goberno local prepara unha consulta popular para elixir os festivos locais
Institucional • 4/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Luns do Cristo (20 de Abril) e o Xoves da Coca (11 de xuño) repiten como festivos locais no 2020 logo de que así se acordase no pleno municipal celebrado este xoves. Unha proposta que non contou co apoio nin de AER nin de BNG, grupos que avogan por datas alternativas ao Luns do Cristo, pero que saíu adiante ao ser votada a favor por PSOE e PP. Dende o goberno local anuncian unha consulta popular para que "a veciñanza tamén dea a súa opinión neste asunto no vindeiro ano".


Un ano máis non houbo unanimidade na elección dos dous festivos locais para o vindeiro ano, xa que tanto AER como BNG non apoiaron a proposta por manter o Luns de Cristo como festivo local. Mentres o BNG defende trasladar esa data ao San Xoán ou mesmo ao 8 de marzo, día da muller, dende AER avogan por converter o Martes de Entroido en festivo local atendendo ao masivo seguimento desta celebración en Redondela nunha xornada onde se contan por centos o número de veciños que participan durante todo o día das tradicionais comidas do carnaval así como das diferentes actividades que se organizan por parte de Cultura.


Con todo o acordo entre PP e PSOE neste asunto fixo posible que saíra adiante a proposta que mantén como festivos o luns do Cristo, que se celebra o 20 de abril e o Xoves da Coca, que no 2020 cae no 11 de xuño.


Dende o PSOE defenderon a proposta atendendo a que practicamente "o Martes de Entroido xa é medio festivo en Redondela e manter un luns non laboral favorece aos veciños que poden así gozar dunha ponte". Pola súa banda dende o PP apelaron a tradición para manter estes festivos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: