www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 18 de Novembro de 2019

Esixen que se suspenda a festa de Samaín en San Simón por ser "unha burla ás vítimas"
Sociedade • 25/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Iniciativa galega pola Memoria (IGM) ten en marcha unha iniciativa para tentar cancelar a festa de Samaín organizada por unha navieira de cara ao vindeiro 31 de outubro. Entenden que se trata dunha "profanación dun lugar da memoria fundamental" como é a Illa e instan a todos os que se sintan ofendidos a enviar un correo ao Conselleiro de Cultura solicitando que se suspenda a actividade (conselleiro.cultura.turismo@xunta.gal).


A IGM denuncia a profanación dun lugar da memoria fundamental como é a Illa de San Simón e esixen, con esta iniciativa que "a Xunta de Galicia impida dunha vez a continua e reiterada aldraxe a nosa memoria e ridiculización da dor das vítimas do franquismo preservando a Illa de San Simón como lugar de homenaxe e recordo".


Neste sentido fan referencia a que unha actividade destas características e nunha data tan concreta como a noite de defuntos supón unha burla as vítimas e os seus familiares lembrando que esa Illa foi cárcere durante o franquismo dende o 1936 ao 1943 e que foron moitos os asasinados ou mortos no lugar. "É impensable que isto aconteza en ningún outro campo de prisioneiros do mundo, e en moitos lugares de Europa resultaría mesmo delictivo" por ese motivo confían en que a Xunta de Galicia, que é quen ten autoridade sobre ese espazo, impida que se celebre esta festa privada na noite do vindeiro 31 de outubro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: