www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

A Xunta deixa sen fondos a reforma da Avenida Mendiño
Institucional • 29/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Goberno de Redondela lamenta que o goberno galego "non invista nin un euro" na reforma deste vial que comunica o centro da vila co porto de Cesantes, malia o compromiso público da propia conselleira Ethel Vázquez. Unha promesa que agora "se demostra que non era máis que un anuncio puramente electoralista" xa que do investimento de 1,6 millóns previsto para esta actuación "os actuais orzamentos da Xunta non destinan nin un euro".


O Goberno local denuncia o que consideran "un novo insulto á cidadanía de Redondela" ao constatar que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2020, "non se contempla nin un euro para a reforma da Avenida Mendiño" e tan só se consignan 100.000 euros, a metade do pasado ano, para as obras de Mellora de abrigo no Porto de Cesantes.


Lembra o goberno que o 26 de febreiro deste ano, cunhas eleccións municipais á vista, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitaba Redondela para anunciar "xunto ao exalcalde Javier Bas o investimento de 1,6 millóns de euros na reforma da Avenida Mendiño". Nesa visita, Vázquez aseguraba que as obras "licitaranse en verán, xa que o proxecto está redactado".


"Uns anuncios que, como outros grandes proxectos, eran puramente electoralistas", critica Digna Rivas quen engade que "quedan agora en evidencia xa que para esa obra os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, non recollen nin un só euro".


Algo parecido acontece do Porto de Abrigo de Cesantes que o goberno do PP anunciaba como unha Remodelación Integral cun investimento previsto de 6 millóns de euros , que o pasado ano xa deixou de ser "Remodelación Integral, para converterse en Mellora de abrigo, e dos famosos 6 millóns, os orzamentos destinaban a ridícula cantidade de 200.000 euros". Para o vindeiro ano, aclara a alcaldesa "esa cantidade queda na metade con tan só 100.000 euros".


Conclúe Rivas afirmando que "o goberno local non vai quedar cruzado de brazos e utilizará todos os medios ao seu alcance para esixir, da Xunta de Galicia, o cumprimento dos compromisos adquiridos con este municipio e coa súa cidadanía".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: