www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

Soutomaior prestará "biotrituradoras" para fomentar a compostaxe de restos vexetais
Institucional • 4/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O plan de ampliación da compostaxe doméstica do Concello de Soutomaior contempla dúas vías para fomentar a reciclaxe de materia orgánica. A primeira vía é a creación dun plan de préstamos de biotrituradoras domésticas entre os veciños que xa dispoñan de composteros para que poidan depositar neles toda a materia orgánica procedente dos restos de poda e do mantemento das súas leiras e árbores. O obxectivo é aumentar a reciclaxe de restos vexetais para reducir o número de queimas e de deposicións nos colectores. A segunda vía é o reparto de 150 novos composteiros.


Soutomaior vén de acceder ás axudas PIMA do Ministerio de Transición Ecolóxica para levar a cabo o seu proxecto de Ampliación do programa de Compostaxe Doméstica. Un plan co que o goberno local pretende mellorar a capacidade de reciclaxe de materia orgánica do municipio a través dun programa de préstamos de biotrituradoras e o aumento do número de composteros distribuídos entre os veciños.


O Concello procederá agora á adquisición das biotrituradoras e establecerá as condicións necesarias para crear o programa de préstamos, que se porá en marcha nos próximos meses para que todos os veciños poidan adherirse canto antes.


Tamén se repartirán 150 novos composteros domésticos para incrementar o número de unidades existentes no municipio, que ascende a 250 na actualidade sen contar os instalados nos centros educativos e o composteiro comunitario situado en Arcade.


Os interesados en solicitar un dos composteros poderá facelo nas oficinas da Casa do Concello a través do rexistro municipal. Todas as unidades van acompañadas dun termómetro, unha guía de compostaxe e o asesoramento individual do mestre compostero municipal, a quen poderán recorrer os veciños en caso de incidencias.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: