www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 18 de Novembro de 2019

Dous anos despois, a exposición “Criminalización do Pensamento” regresa á Xunqueira ampliada
Cultura • 4/11/2019
Autor: Lorena Otero

“Porque seguen mallando”, así xustifica o Colectivo Republicano, promotor da mostra censurada en 2017, a súa ampliación con imaxes da loita contra os desafiuzamentos, as concentracións contra a violencia machista e o 1 de outubro en Cataluña. Unha exposición que se pode ver até o 30 de novembro e que se completa con dúas charlas sobre a loita obreira, a loita estudantil e contra os desafiuzamentos.


As imaxes das manifestacións polo peche de Regojo en 1987, o vigués José Humberto Baena, represaliado franquista fusilado no ano 1975 ou as fotografías das protestas que reivindicaron o voto feminino, xa se poden ver de novo na entrada do Multiúsos da Xunqueira de onde o goberno local do PP ordenara a súa retirada tres días despois da súa inauguración tras a denuncia do sindicato policial UFP ao considerar que podía fomentar o odio.


O periplo da exposición, lembrábao o secretario do Colectivo Republicano de Redondela, Markos Lareira, quen recordaba o “secuestro” da mostra, a presentación dunha proposta no pleno para a súa reposición apoiada por todos os grupos menos o PP, a súa exhibición no local do BNG e finalmente o cumprimento dese acordo plenario.


Unha mostra que regresa con novidades, con máis imaxes reivindicativas que complementan as que se presentaran en 2017 e nas que se reflicten movementos sociais como a loita contra os desafiuzamentos, as manifestacións contra a violencia machista da man da Asemblea Feminista Paxaretas e imaxes sobre as cargas policías do 1 de outubro en Cataluña.


Un acto no que o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, facía fincapé na repercusión que tivo a retirada da mostra nos medios de comunicación de ámbito nacional e a importancia de que agora se poida volver ver no mesmo espazo que hai dous anos.


Un acto no que o Concello facía entrega ao Colectivo Republicano de Boletíns Oficiais do Estado e da Provincia encadernados da época da II República, que tamén se poden ver no Multiúsos. Unha mostra que se vai completar nas vindeiras semanas con charlas sobre a loita obreira, o movemento estudantil e contra os desafiuzamentos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: