www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 18 de Novembro de 2019

Medio Ambiente retira os tubos de batea almacenados no Campo de San Pedro en Cesantes
Institucional • 5/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

As tubaxes levaban nese espazo público máis de dous anos o que provocara denuncias e queixas por parte dos veciños, que alertaban da perigosidade de que se mantivera ese material no recinto de festas. Dende a Concellería explican que a situación "viña arrastrada dende xuño de 2017 provocada por unha mala xestión e permisos verbais pro parte do anterior goberno, que acabaron cun depósito indebido de materias nun espazo público que non está destinado para tal fin". Retirados xa os tubos, anuncian que nos vindeiros días realizarase un saneado da zona para devolver o espazo público ao seu estado habitual.


Os tubos de poliester que permanecían no recinto de festas de San Pedro de Cesantes "presentaban un total estado de abandono, cubertos na súa maioría por silveiras de gran tamaño que comezaban a invadir a vía pública pasando por enriba do muro de peche. Xunto os tubos había tamén cascallos de obra tirados no chan".


Explican dende o Concello que os tubos foran trasladados inicialmente ao porto de Cesantes pola Comisión de Festas coa finalidade de facer un pequeno pantalán na praia para poñer a Virxe do Carme o día da procesión. Posteriormente, no ano 2017 a Comisión de festas recibiu un apercibimento de Portos de Galicia para retirar os tubos do lugar.


O concello autorizou nese momento, de xeito verbal, o depósito dos tubos no campo da San Pedro sempre que fose provisional, condicionando esta autorización a súa posterior retirada do lugar. Con todo, a comisión nunca chegou a tramitar a súa retirada polo elevado custe que supuña pagar a unha empresa esa xestión.


Finalmente, unha vez que a comisión de festas xa non está operativa e dado que o responsable final destes residuos resulta ser o Concello, a Concellería de Medio Ambiente decidiu "asumir a retirada dos mesmos con cargo as arcas municipais, para restaurar a legalidade ambiental do Campo de San Pedro en Cesantes". Anuncian que nos vindeiros días realizarase un saneado da zona para devolver o espazo público ao seu estado habitual.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: