www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

Redondela rexeita os novos accesos a Rande para tráfico portuario polo seu impacto medioambiental
Política • 11/11/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A alcaldesa Digna Rivas sinala que "Redondela estará sempre en contra dunha actuación que degrada o medio ambiente de xeito irreversible e empeora a calidade de vida dos veciños e veciñas". Responde así ás intención da Autoridade Portuaria de poñer en marcha á reordenación da zona de Rande coa construción dun novo viario costeiro destinado ao tráfico portuario". Actuación que conta co apoio do departamento municipal de Urbanismo de Vigo, pero que rexeita Redondela "que é quen ten a última palabra" neste asunto.


A alcaldesa de Redondela puntualiza que o informe emitido dende o concello de Vigo deriva do feito que "ao tratarse dunha obra que ten afección sobre a Ría o concello vigués tamén ten que pronunciarse ao tratarse dun proxecto que ten que superar unha avaliación ambiental" pero, aclara, é unha obra que se tería que desenvolver no Concello de Redondela "e este, polo tanto, o que ten a última palabra que non é outra que unha total e absoluta oposición a dita actuación".


Neste sentido xa emitiron dende o goberno local un informe no pasado mes de agostono que explican, os motivos polos que Redondela está en contra desta proposta da Autoridade Portuaria.


Entre outros sinalan que "o trazado de novos viais non está previsto polo planeamento vixente nin no PXOM que se atopa en tramitación" e que a obra prevista "non é unha reordenación de accesos, senón unha nova infraestrutura que implicaría un enorme impacto visual e acústico e que, a maiores, é totalmente oposto ao Plan de Ordenación Litoral (POL)".


Critican dende o  Concello que a Autoridade Portuaria tampouco ten en conta que nesa zona da Rede Natura "atópanse importantes bancos pesqueiros e de marisqueo do que viven numerosas familias, non so do noso concello, senón de concellos limítrofes. A obra, polo tanto, non só afectaría ao ecosistema, senón tamén ao seu medio de vida".


Nas alegacións a este proxecto, o Concello de Redondela tamén chamaba a atención sobre "a gravidade dos impactos ambientais da obra" ao sinalar que produciría un "impacto significativo" sobre o aire, auga, clima, flora, fauna, paisaxe e a interacción entre todos e que serían producidos por "un incremento das verteduras ao litoral, incremento da utilización dos recursos naturais, afección a espazos protexidos da Rede Natura 2000 e unha afección significativa ao patrimonio cultural".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: