www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

O Choco suma un punto nun partido sen goles en Pontellas
Deporte • 11/11/2019
Autor: Ana Prieto

Moitas ocasións para o Choco pero que non conseguiu materializar nun partido en Pontellas que rematou 0-0. Empate tamén do Arcade co Castrelos e vitoria do Vilar ante o Xinzo. No balonmán perdeu a SAR Rodavigo ante o Oviedo, empatou o Rodosa Chapela co Teucro e a SAR goleou ao Poio en Autonómica.


Terceira División



Pontellas 0-0 Choco


Dende o pitido inicial o CD Choco fíxose coa batuta do encotro, dominaba o xogo dende a posesión do balón e aínda que se achegaba con peligro a portería local non eran capaces de materializar as ocasións creadas. Cunha boa ciruculación do balón dende a metade de campo, obrigaba ao rival a pecharse no seu campo para evitar as embestidas dos xogadores choqueiros. Tiveron que pasar 20 minutos para que os locais se aproximasen á portería de Cortegoso, e o primeiro tempo rematou co marcador inmóbil. Logo do descanso a dinámica parecía repetirse. Un Choco dominante insisitía na portería local creando continuas ocasións de gol pero sen chegar a materializalas. Pola outra banda, os locais non arriscaban esperando un erro defensivo redondelán. Pasado o ecuador desta segunda metade, o colexiado anulou un gol local por fóra de xogo, o mesmo que aconteceu despois cun tanto do Choco despois dunha xogada combinativa moi boa do equipo de "Gonza".O adestrador redondelán amosouse "contento co rendemento do equipo" porque "cambiamos de sistema esta semana" e advirte que tiveron o partido controlado en todo momento, pero "faltou acerto nos últimos metros". O resultado deixa ao Choco como 6º clasificado, e na vindeira semana terá un novo desprazamento ao campo do Somozas, 11º, no que "Gonza" espera "volver a dar imaxe que dimos en Pontellas".


Pontellas: Toni; Álex (Telmo, min. 77), Elías, Alberto Rei, Edu; Diego Branco, Michael (Serxio, min. 77), Sergio Sancho; Guille, Nando e Hugo Pintos (Loito, min. 59).


Choco: Cortegoso; Monchito, Vitra, Aitor Cañedo, Diego Abal (Rancaño, min. 83),; Caloi, Sergio Santos; Félix, Alberto Suárez, Tomás Abelleira (Comis, min. 69); e Adrián Rodríguez (Martín, min. 69).


Primeira Galicia



Castrelos 1-1 Arcade


Reparto de puntos no Monte da Mina logo de que o Arcade se adiantara cun tanto de Monroy. Os de Soutomaior están agora no 10º posto, na próxima xornada volven desprazarse a un campo vigués, neste caso a Candeán, cos anfitrións no 11º posto, cun punto menos que o Arcade.


Segunda Galega



Cesantes 1-6 S.Martín


O Cesantes recibiu un duro barapau dun dos equipos máis fortes do grupo. Os de Redondela baixan ao 16º posto, complicando a permanencia, e a próxima xornada visitan o campo do Bueu, outro dos rivais duros, 3º do grupo.


Villar 4-1 Xinzo


Importante vitoria do Atl. Vilar, que se mantén no ecuador da táboa, logo de impoñerse con goleada ao Xinzo. Na próxima xornada visitan o campo do San Esteban, outro dos equipos da parte baixa da táboa.


Terceira Galicia



Apóstolo 3-5 Chapela


Festival de goles nun choque que o Chapela dominaba por un claro 0-5 pero que case se lles complica na recta final. Ao remate, tres puntos para o Chapela que se pon 5º. Na próxima xornada recibe o R.Vilariño, que está na metade baixa da táboa.


Nespereira 0-1 Balaídos


O Nespereira segue como pechacancelas do grupo, aínda non sumou ningún punto, logo de perder pola mínima ante o Balaídos. Este domingo teñen xornada de descanso


Fútbol Sala



Terceira División



Vigo 2015 2-6 Pazos de Borbén


Despois da xornada de descanso os de Fran Amoedo impuxéronse ao Vigo 2015, e son 12º na táboa. O sábado reciben en Pazos ao Stellae FS, que é 4º.


Preferente Sur



Abetos Gondomar-Redondela Maramar, quedou aprazado


Os de Redondela, son 3º, cunha xornada menos, e o domingo reciben ao Apóstol, que é 8º. Ás 16.15 horas.


Campito 2-2 Verín Sala


Os de Chapela ocupan o 12º posto da táboa logo do empate ante o Verín. O sábado xogan ante un rival complicado, o Lume Corbatas, 2º clasificado, no pavillón do CUVI


Primeira Galicia



Cíos Vigo Mondariz 2-2 Arealonga Const.Castro


O Arealonga segue líder logo do empate, pero co segundo clasificado, o Pirata, a tan só 1 punto. O sábado reciben en Chapela ao Beade B, que é 7º.


Balonmán



División de Honra Prata Feminina



SAR Rodavigo 14-23 Oviedo


Partido de dúas caras para a SAR, que comezou moi ben, pero despois bloqueouse en ataque. Aos 15 minutos gañaban as locais (7-2), pero despois estiveron 10 minutos sen atopar a portaría contraria. Ao descanso xa remontara o Oviedo (7-8). Na segunda metade a SAR seguiu sen recuperar o rumbo do partido, malia os tempos mortos solicitados polo técnico, e o Oviedo venceu de forma clara. O conxunto redondelán queda no 11º posto da táboa logo da derrota, e a próxima fin de semana xoga en Canarias co Puerto del Carmen, un dos equipos fortes do grupo.


Primeira Nacional



Rodosa Chapela 32-32 Teucro


BM Chapela e Teucro empataron o sábado nun emocionante e discutido final, co gol do empate do Teucro sobre a bucina. Os de Teixeira chegaron ao último minuto gañando de dous goles, pero en inferioridade. O Teucro púxose a un gol a falta de 34 segundos para o final. Posesión para os locais, que a apuraron ata que faltaban tres segundos. Novoa lanzou a portaría e cometeu falta en ataque, segundo os árbitros. Sinalan 7 metros, o lanzamento de Sergio Lorenzo foi detido polo porteiro local, pero o propio Lorenzo colleu o rexeite e marcau o tanto do empate.


Primeira Autonómica



SAR 33-19 Poio


O conxunto redondelán mantén o liderado logo dunha contundente vitoria na casa ante o Poio. Na próxima xornada visita a pista do Eumesa, co rival na parte baixa da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: