www.radioredondela.com | Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019 |
Pazos de Borbén aproba un orzamento próximo aos dous millóns de euros
Política • 2/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños O pleno municipal de Pazos de Borbén aprobou esta mañá os orzamentos municipais para o próximo ano. A previsión ascende até case os dous millóns de euros e rexistra un aumento xeneralizado na maioría das partidas, principalmente as centradas nos servizos sociais, cunha nova partida para emerxencia social de 15.000 euros, a cultura e o deporte. A previsión ascende a un total de 1.925.044,71 euros, sen ter en conta as posibles subvencións procedentes doutras administracións. A partida que máis aumenta é a destinada a sufragar os gastos de Igualdade e Servizos Sociais, que aumenta desde os 136.423 euros aos 190.900. Un aumento de case 54.000 euros nos que se inclúen os 15.000 destinados á nova partida de emerxencia social. Outra das partidas que maior incremento rexistra é a destinada aos investimentos municipais, que sobe até os 180.400 euros, un 8% máis que a dos últimos orzamentos municipais. Neste sentido, o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, destacou que tras dous anos cos orzamentos subrogados polo bloqueo da oposición, volvemos ter uns orzamentos que nos permiten levar a cabo novos proxectos. Do mesmo xeito, tamén aumentan as cantidades destinadas á Cultura, que pasa de 97.500 a 103.000 euros, Deporte, que ascende desde os 19.000 euros aos 25.000, e Educación, que inclúe por primeira vez unha nova partida destinada a dar subvencións para material escolar entre os alumnos do municipio de 1.500 euros. Por outra banda, tamén hai partidas que se reducen, como a destinada ao gasto eléctrico da iluminación pública municipal que diminúe en 10.000 euros. Un aforro derivado da renovación de luminarias e a instalación de novos farois con tecnoloxía led.
|
Comentarios |
|
|