www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

O PP pide unha modificación na rotonda de Rande e o goberno local os tacha de irresponsables
Institucional • 31/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A rotonda que o Ministerio de Fomento está a realizar na N-552 ao seu paso por Rande foi motivo dun novo enfrontamento entre o goberno local e o PP. A polémica afecta ao Camiño das Pedriñas, un vial que empregan máis dun cento de familias para acceder ás súas vivendas.



O PP asegura que a falla de conexión deste viario coa rotonda obriga aos seus usuarios a realizar unha perigosa manobra de xiro "que era precisamente o que se pretendía evitar coa execución da obra". Non obstante, apuntan que esta falla de conexión non se coñeceu ata que comezaron os traballos de construción, pois en ningún momento existiu exposición pública do proxecto ao considerarse innecesaria debido a que obra era evidente e precisa para garantir a seguridade viaria.



Os populares aseguran que bastaría unha pequena modificación para solucionar o problema. De feito o edil popular, Alberto Pazos afirma que “a modificación é posible, viable e barata".


Unha afirmación que dende o BNG tacharon de “irresponsable”. O edil nacionalista Carlos Pazos asegurou que os populares están a crear alarma “onde non a hai” xa que o proxecto da resposta ás demandas dos veciños, quen reclamaban un grupo semafórico “que se vai instalar”.


No mesmo sentido se manifestou Emilio González Iglesias, quen engadiu que conectar o Camiño das Pedriñas directamente coa rotonda obrigaría a modificar o lugar no que esta rotónda está ubicada e a expropiar 8 casas.


Lonxe da polémica estaba o concelleiro do Partido galeguista, Alejandro Bastos, quen non se cansou de repetir no pleno municipal celebrado o pasado mércores que "ver o inicio desa obra foi un dos momentos máis felices da súa vida". 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: