www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Agosto de 2020

O PXOM acelera a súa tramitación
Institucional • 9/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Concello e Xunta asinaron hoxe en Redondela un convenio polo que a Consellería de Medio Ambiente compromete unha achega de máis de 250.000 euros para a redacción do PXOM. A alcaldesa, Digna Rivas prefire non adiantar prazos en torno ao documento urbanístico "porque hai cuestións técnicas por resolver" pero en calquera caso confían en que en cuestión de poucos meses o plan xeral de ordenación municipal pase polo pleno para súa aprobación inicial. A continuación tería lugar a o período de exposición pública, dous meses nos que dende o concello realizarán charlas nas parroquias para "favorecer que os veciños coñezan o plan e resolvan dúbidas".


A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Digna Rivas asinaron hoxe un convenio de colaboración por valor de 253.746 euros en virtude do cal a Xunta achegará en cinco anualidades o 80% do orzamento base estimable para elaborar o documento. Dende o concello prefiren non dar prazos sobre a evolución dos trámites, malia que confían en que a súa aprobación inicial sexa "inminente". Neste sentido apuntaba a edil de urbanismo, María Castro, que todo apunta a que esa aprobación será por unanimidade "xa que se trata dun documento que está en fase de elaboración dende hai anos e que é de carácter eminentemente técnico".


Unha vez aprobado polo pleno abrirase un prazo de exposición de dous meses no que se achegará toda a información ás parroquias e veciños co obxectivo de resolver dúbidas e superar a desconfianza e o malestar veciñal que se ten detectado nalgunha parroquia en gran medida "pola falta de información", explica Rivas.


O convenio asinado hoxe entre Xunta e Concello compromete o financiamento necesario para poder finalizar o plan iniciado no 2015 e garantir canto antes a súa aprobación inicial por parte do pleno municipal. Un convenio non exento de polémica logo de a Xunta advertira da posibilidade de que o concello perdese esta subvención pola negativa do goberno local a aceptar o borrador remitido dende a Consellería. A alcaldesa naquel momento argumentara que non se axustaba ao indicado polos servizos técnicos municipais.  Unha polémica que preferiron zanxar explicando que o importante é que "ao final se chegou a un entendemento e que o convenio é xa unha realidade".


Superado o período de información pública será aprobado provisionalmente, último paso antes de que a Xunta revise toda a documentación e, se está correcta, lle dea a aprobación definitiva ao PXOM para que todos os veciños e veciñas de Redondela poidan contar cun planeamento acorde á realidade vixente.


As actuais Normas Subsidiarias de Planeamento (NSP) de Redondela, aprobadas no ano 1987, non se adaptan á nova Lei do Solo de Galicia, nin sequera ás normas urbanísticas de rango autonómico anteriores, polo que o planeamento xeral vixente neste concello pontevedrés está totalmente obsoleto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: