www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Xaneiro de 2020

Pazos amplia a súa rede de recollida selectiva con 31 novos colectores de reciclaxe
Sociedade • 13/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Pazos acaba de anunciar a ampliación da súa rede de recollida selectiva de residuos coa incorporación de máis de 30 novos colectores para a reciclaxe de envases lixeiros e de papel e cartón. A localización definitiva dos novos colectores aínda se está estudando e procederase á súa instalación nas próximas semanas.


Tal e como informan desde o Concello, a localización definitiva dos colectores aínda se está estudando para maximizar a súa efectividade e axustarase a factores como a poboación, a concentración de establecementos comerciais ou necesidades específicas como as dos centros escolares e sociais.


Do mesmo xeito, desde o Concello esperan que os novos colectores, ademais de mellorar a capacidade de reciclaxe do municipio, repercutan nunha mellora global en todo o servizo de recollida de residuos ao descender a cantidade de residuos orgánicos depositada nos colectores de uso xeral.


En total vanse a instalar 25 novos colectores amarelos para a reciclaxe de envases lixeiros, como bricks, latas, botes metálicos ou botellas de plástico, e seis para a recollida especifica de elementos de papel e cartón. O orzamento para a ampliación da rede de recollida selectiva de residuos ascendeu a 10.000 euros que foron financiados en virtude do acordo de Ecoembes coa Xunta de Galicia ao que se adheriu o consistorio pacense.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: