www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Febreiro de 2020

Ventosela anima a coñecer as vantaxes das escolas unitarias
Cultura • 7/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A caída da natalidade afecta a todos os centros educativos en xeral pero é especialmente preocupante naqueles colexios, coñecidos como unitarias, onde a perda de alumnos pode supoñer o peche do centro. Non están nesta situación na unitaria de Ventosela, que se mantén por riba dos 16 alumnos, con todo realizan diferentes iniciativas de cara a captar novo alumnado. Neste sentido organizan unha xornadas de portas abertas este sábado día 8 e o martes 11 de 12:00 a 14:00 horas.


A falta de alumnado é o principal problema co que se atopan estes centros que teñen moito que ofrecer: unha maior proximidade coas familias, fomentan o espírito cooperativo e favorecen a aprendizaxe ao convivir na mesma aula nenos de diferentes idades dende os 3 aos 6 anos.


A mestra responsable da unitaria de Ventosela, Ana Couñago, salienta esa convivencia coas familias que participan das actividades que se organizan no centro así como a integración dos nenos na parroquia "paseamos pola zona, visitas aos veciños, coñecemos os traballos do campo achegándonos ás casas onde hai animais...".


Un "aprender facendo" que é o seu lema e que permite aos cativos adquirir coñecementos e habilidades de xeito natural e conforme as súas capacidades e madurez. Ademais destaca o traballo cooperativo e a aprendizaxe por imitación ao mesturar alumnos de diferentes idades así como a atención individualizada con maior atención ás particularidades de cada neno ou nena.


Un xeito de aprender que se afasta dos colexios máis tradicionais pero que podería ter a súa supervivencia en perigo no caso de que non se manteña o número de alumnos no futuro. "este ano tivemos 16 alumnos, dos cales ao rematar o curso marcharán catro. Confiamos en que se inscriban novos cativos para garantir así o noso futuro".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: