www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 28 de Marzo de 2020

Xoel López renuncia ao salario como Patrón Maior e aposta pola transparencia na Confraría
Sociedade • 12/02/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A primeira medida do recentemente elixido patrón Maior de Cesantes é renunciar ao salario que ata o de agora cobraba o seu predecesor no cargo. Entende que como mariñeiro os seus ingresos deben proceder do seu traballo no mar, explica Xoel López que engade que nun momento no que a situación económica da confraría é complicada esta é unha medida de aforro que debe sumarse a outras moitas aínda por analizar "agora é momento de estudar con calma a situación, revisar as contas e escoitar aos socios".


Sementar ameixa e mellorar e incrementar o número de kilos que poden recoller as mariscadoras, promocionar a poxa do choco ou facer da Confraría unha entidade máis atractiva para que os barcos que marcharon regresen ao pósito son os obxectivos que a medio prazo se marca o que é xa novo patrón da Confraría.


Elixido na votación celebrada o pasado sábado asegura que as 17 persoas que forman a Xunta Xeral "somos un equipo" que queremos mellorar a complicada situación que atravesa a confraría.


Confía en sacar adiante a entidade malia que os número non son bos "produciuse unha clara caída na facturación, e temos que darlle a volta a esa situación". Non se atreve a anunciar medidas concretas pero si fala de liñas xerais: sementar máis ameixa, traballar para que as mariscadoras poidan recoller máis produto e tamén aforrar. Neste sentido a primeira medida que adoptou é renunciar ao salario que ata o de agora cobraba o Patrón Maior por ocupar este cargo.


Entende ademais que é imprescindible facer máis transparente a Confraría "non pode haber hermetismo, hai que poñer as contas a disposición de todos os socios e hai que escoitar a todo o mundo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: