www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Os afectados pola ampliación da AP-9 buscan financiamento para seguir coa súa batalla xudicial
Sociedade • 13/09/2010
Autor: Ana Prieto

A Audiencia Nacional admitiu a trámite a demanda dos veciños de Chapela e pide a Fomento que xustifique as obras, que está previsto comecen en abril de 2011. A Asociación de Afectados traballa para recadar os fondos que precisan para o procedemento xudicial. O sábado celebrarán unha asemblea informativa no Piñeiral do Crego ás 18.00 horas.


As demandas dos veciños de Chapela van por bo camiño. A parroquia pide a paralización das obras de ampliación da autoestrada, que causaría "un grave prexuízo" para os veciños e que, ademais, "non solucionaría o problema do tráfico nos accesos a Vigo", como explica Rafael Baltasar, portavoz do colectivo. Polo de agora a Audiencia Nacional dálles a razón. A sala do contencioso administrativo deu de prazo ata finais de mes para que o ministerio de Fomento xustifique o inicio das obras. O avogado do Estado deberá argumentar xuridicamente o seu dereito a acometer a ampliación sen un estudo de impacto ambiental. Agora os veciños, satisfeitos coa medida, deben facer fronte ós gastos que supón este procedemento xudicial. Calculan que, como mínimo, precisarán 18.000 euros, e polo de agora levan reunidos uns 12.000, entre achegas de veciños e empresas da parroquia. O sábado celebrarán unha asemblea informativa no Multiusos do Piñeiral do Crego para dar conta da situación actual. A cita á ás 18.00 horas.


Os afectados recibiron tamén a visita do portavoz de infraestruturas do PP no










parlamento, Alejandro Gómez, quen apoiou ós veciños, salientando os efectos negativos da ampliación tanto en Chapela como en Teis. Desde a Asociación de Afectados agradecen os xestos do grupo popular, pero advirten que "as palabras non solucionan nada", e piden medidas concretas para paralizar o proxecto. En canto á proposta tanto do PP como do BNG de dar prioridade á autovía A-57 para evitar a ampliación de Rande, Baltasar ten claro que en Chapela só loitan "por defender o seu", e que nunca tomarán partido por alternativas "que prexudiquen a veciños doutras parroquias" de Redondela.


 


 



 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: