www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Setembro de 2020

Redondela rexistra o primeiro caso de coronavirus
Sociedade • 18/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A alcaldesa, Digna Rivas lanza unha mensaxe de tranquilidade ante o primeiro positivo por coronavirus detectado no noso concello, un veciño de máis de setenta anos que permanece estable e ingresado no hospital "á espera da segunda confirmación, unha vez que o primeiro análise deu positivo por COVID 19".


Rivas, que se mantén en contacto en todo momento cos directores dos Centro de saúde de Redondela e Chapela, confirmou a existencia desta primeira persoa infectada por coronavirus en Redondela, pero insiste na necesidade de enviar unha mensaxe de tranquilidade ao tempo que de responsabilidade para que "se manteña a alerta e se acaten as medidas de prevención e illamento" impostas polo goberno e as autoridades sanitarias, de cara a tentar cortar a correa de transmisión da enfermidade.


Malia este primeiro contaxio confirmado, aplaude o comportamento cívico da veciñanza "estamos facendo as cousas ben e o feito de que se produza algún contaxio entra dentro do previsto, non hai que baixar a garda e seguir cumprindo os protocolos".


Lembra tamén que hai que evitar acudir aos Centros de Saúde "as citas estanse reprogramando ou reconvertendo en citas telefónicas cando é posible. Si se mantén o Control de Sintrom e outras consultas concretas". En caso de atoparnos mal debemos chamar ao propio centro ou ao 061 para que nos expliquen como actuar.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: