www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 4 de Abril de 2020

Rivas esixe facer a proba do COVID19 a todos os traballadores e residentes do CAPD de Chapela
Política • 24/03/2020
Autor: Ana Prieto

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, está en contacto coa direción do centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Chapela, desde que se confirmou o positivo por coronavirus dun residente. O Concello demanda á Xunta de Galicia a desinfección urxente das instalacións e que se fagan as probas do COVID19 a todos os residentes e traballadores do centro.


Rivas, que están en contacto tanto coa dirección do centro, como coas familias dos residentes, xa trasladou aos responsables da Xunta de Galicia a preocupación por parte do goberno local ante esta situación. A alcaldesa mantivo unha conversa con Ildefonso de la Campa, Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, responsable desta área. Comunicouse ao Concello que se puxeron en marcha as medidas pertinentes, e realizáronselle as probas a varios traballadores do centro. Desde o goberno local van máis aló, e demandan que os test do COVID19 se fagan "a todos os residentes do centro e a todos os traballadores", e non só aos que presentes síntomas. Para Rivas é tamén fundamental que se faga unha desinfección de todo o CAPD de Chapela, tanto as intalacións interiores como exteriores "de maneira urxente". Lembra a alcaldesa que existen casos de residencias onde o contaxio se propagou, afectando a moitos usuarios e traballadores, e quere evitar que algo así aconteza en Chapela, polo que insta á Xunta de Galicia a actuar "xa.


O BNG denuncia que a situación "agrávase co paso das horas"


O BNG de Redondela denuncia que a situación deste centro "estase agravando co paso das horas". Hai un usuario diagnosticado de COVID-19, e outros 5 illados. Entre o personal do centro, tanto asistencial como sanitario aumentou o número de baixas. Esta situación complícase, posto que personal da bolsa de sustitucións "négase a cubrir baixas polo temor ao contaxio". Isto supón que moitos traballadores e traballadoras teñan que dobrar turnos. O voceiro municipal, Xoán Carlos González, amosou a súa solidariedade cos residentes e as súas familias, así como co personal "que está demostrando o mellor da atención pública".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: