www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 4 de Abril de 2020

A Xunta desinfecta as instalacións do CAPD de Chapela tras detectarse un positivo en coronavirus
Institucional • 25/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O servizo de prevención de defensa conta incendios procedeu a desinfectar na xornada de onte o exterior do edificio e hoxe procedeuse a limpeza interior. Unha medida que chega logo de detectarse un positivo en COvid-19 e que fora demandada tanto dende o propio cadro de persoal como dende a alcaldía de Redondela. Nestes intres, das 120 prazas que ten o centro, hai seis residentes que se atopan illados por precaución, ademais da persoa que deu positivo.


Tras detectarse un positivo en COVID-19, a Xunta activou todas as medidas de prevención fronte ao virus, realizando as probas necesarias e dotando ao persoal administrativo e sanitario de materiais e equipos de protección individual.


O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, a instancias da Xunta de Galicia, comezou onte a desinfección dos exteriores do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, no marco do operativo activado a nivel galego nas residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de saúde de 200 concellos galegos. Hoxe mesmo unha empresa contratada pola Xunta de Galicia procedeu tamén a realizar a limpeza do interior. 


Explican dende a Xunta que "no CAPD de Redondela seguíronse os protocolos establecidos, despois da detección dun positivo de COVID-19 nunha das persoas residentes. Activáronse todas as medidas de resposta contra o virus e realizáronse as probas necesarias nos casos que indican os profesionais de Medicina Preventiva. O persoal do centro está traballando con tranquilidade, profesionalidade e gran dedicación".


O centro conta con equipos de protección individual (EPIs), unha dotación que se reforzou este martes co envío, desde a Delegación Territorial da Xunta en Vigo de batas de protección e máscaras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: