www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 28 de Maio de 2020

A Xunta de Galicia remite ao Concello o convenio para a humanización da Avenida Mendiño
Política • 25/03/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O proxecto ten un investimento superior a 1,5 millóns de euros dos que o Concello achegará máis de 430.000 euros. Inclúe a renovación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e pluviais, nova pavimentación e ampliación de beirarrúas, reorganización de accesos aos aparcadoiros e nova iluminación, amais da instalación de semáforos e unha nova glorieta na intersección coa Avenida Ernestina Otero que favorecerá a circulación de vehículos  e mellorará a seguridade viaria de viandantes.


O Concello de Redondela vén de recibir o convenio de colaboración para o proxecto de "Mellora da Seguridade viaria e reaordenación da PO-363. Treito Redondela-Praia de Cesantes" cuxa execución corresponde a Axencia Galega de Infraestruturas e que suporá unha transformación total desta céntrica zona.


O documento, con data de entrada no Rexistro Xeral do Concello, de 23 de marzo de 2020, deixa ao descuberto, segundo o goberno local, "as manobras electoralistas do exalcalde Javier Bas" que hai máis de un ano "anunciara a bombo e platillo as inminentes obras da Avenida Mendiño, xunto a unha infografía (hoxe desaparecida) das obras".


Sinala tamén a alcaldesa, Digna Rivas que "queda demostrado "a falta de lealdade do grupo municipal do PP que acusou a este Goberno de non querer asinar un convenio que, segundo os populares, a Xunta xa tiña enviado". O Equipo de Goberno subliña o feito de que este proxecto chega ao Concello de Redondela xustamente agora "pola insistencia de este grupo que Goberno, que requiriu ata en 4 ocasións á Consellería que tramitara o correspondente expediente". No último escrito, de data 13 de marzo, a Alcaldesa deu un "ultimatum", no que indicaba "que ou enviaban o proxecto ou se tomarían as medidas oportunas para esixir responsabilidades".


Digna Rivas lamenta "a falta de respecto institucional que a Xunta de Galicia ten con Redondela" e prácticas coma esta, engade a rexedora local "amosan a cara máis deplorable da política, actitudes caciquís de políticos autonómicos que están a filtrar información aos seus compañeiros de partido, información que corresponde coñecer a este Goberno de primeira man e non mediante prensa ou perfiles de facebook".


Agora, o borrador do Convenio que xa está en mans dos técnicos municipais e deberá ser informado polos servizos xurídicos e económicos que deberán xustificar á Xunta de Galicia a existencia de crédito para facer fronte a este cofinanciamento. O proxecto redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas prevé un investimento de 1.594.713,10 euros e o Concello deberá colaborar cunha achega de 433.000 euros en dous anos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: