www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 16 de Outubro de 2019

Máis de 3.000 alumnos pasaron polas Escolas Municipais de Pintura, Teatro e Guitarra
Cultura • 14/09/2010
Autor: Ana Prieto

Desde que comezaron a funcionar en 1989, varias xeracións de redondeláns participaron destas aulas formando "unha gran familia". Unha media de 250 alumnos participan cada ano nas diferentes disciplinas. A matrícula xa está aberta para este curso no Multiusos da Xunqueira.


Alumnos de todas as idades están a piques de comezar o curso nas Escolas Municipais de Pintura e Debuxo, Teatro e Guitarra. Suso Ben, coordinador destas actividades da Concellaría de Cultura, explica que non é necesario ningún coñecemento previo destas materias, e que, ó contrario do que algúns pensan, "todo o mundo pode aprender". Tan só é preciso ter gañas de empezar e coñecer "algúns trucos e técnicas" para poder facer "fermosos traballos" no eido da pintura, a interpretación ou a música. Suso Ben calcula que son xa "máis de 3.000" as persoas que pasaron por estas aulas desde que en 1989 botaron a andar. E mesmo algúns deles continúan desde aquela asistindo ás actividades, despois de máis de 20 anos. Por iso anima a todos aqueles que teñan interese a que se animen a formar parte da "gran familia" que forman os alumnos destas escolas.


A matrícula está aberta para os antigos alumnos no Multiusos da Xunqueira. Para o novo alumnado o prazo comeza o próximo luns día 20 de setembro.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: