www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 4 de Abril de 2020

A Confraría de Arcade pide a suspensión da actividade e axudas para os traballadores do mar
Sociedade • 26/03/2020
Autor: Ana Prieto

Os socios da Confraría de Pescadores de Arcade están a vivir unha situación "de angustiosa incerteza" por mor da crise sanitaria do coronavirus e as súas consecuencias na economía. Denuncian que se atopan "sen información, ou case nula", tanto por parte do goberno central como da Xunta de Galicia. Demandan "a suspensión provisional da actividade e axudas para que os traballadores do mar poidan afrontar esta situación".


Desde o pósito de Arcade explican que teñen a moitos dos socios que se dedican ao marisqueo "na casa sen poder ir traballar". Parte deles fano porque non hai compradores, e outros para cumprir coas recomendacións de loita contra o COVID-19, ou por atoparse entre os grupos de poboación de risco. Sinalan que esta situación por mor do Estado de Alarma "non é só unha traba para traballadores e traballadoras do marisqueo", xa que tamén afecta aos naseiros da anguía. Ao non ter compradores para este produto "están a acumulalo nas piscinas, onde acabará perdendo peso e morrendo". Por outra banda, os trasmalleiros venden o choco a un prezo moi baixo, "logo de ir a faenar co risco que supón e volvendo ás súas casas cunha renta indigna". No pósito son conscientes "da problemática e excepcional situación que se está a vivir en todo o país", pero advirten que o que está a suceder no sector da pesca artesanal "é unha cuestión que precisa que se tomen medidas man xa".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: