www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Volta ás aulas ollando ó ceo no CEP Santa Mariña
Sociedade • 16/09/2010
Autor: Ana Prieto

Os máis de 400 alumnos do CEP Santa Mariña de Redondela agardan que este inverno non sexa de moitas chuvias. A razón é que non dispoñen dun patio cuberto onde poder xogar nos recreos, e se o tempo non acompaña deben quedar nas aulas. A crise fai difícil que a Consellería de Educación faga a obra, que xa recortou outros gastos como o de profesorado, que se reduciu neste curso.


Hai unha semana que comezaron o curso os máis de 400 alumnos deste centro, rapaces de 6 a 12 anos. A directora do centro, Marina Pérez, explica que as aulas comezaron con normalidade, aínda que salienta a "saturación" do colexio e o "recorte do profesorado". Con todo, hai novidades moi positivas, como a posta en marcha do proxecto Avalar. Isto permitirá ós alumnos de 5º curso contar cun ordenador para cada un, aínda que suporá un traballo extra para os mestres, que terán que formarse pola súa propia conta para impartir as aulas. E é que o centro ten que facer máis proxectos "con menos mestres". Os recortes nótanse sobre todo nos idiomas, precisamente no ano en que entra en vigor o decreto do plurilingüismo, e tamén se reduce o número de docentes de apoio para os nenos con necesidades educativas especiais. A dirección do centro teno claro, a culpa desta perda de calidade no ensino "é da crise", que o profesorado ten que pagar "con máis traballo, máis horas e menos salario", por mor do recorte ós funcionarios.
Falta de pista cuberta


A crise provoca tamén que as peticións que fan as ANPAS caian en saco roto. A asociación de nais e pais e alumnos do CEP Santa Mariña levan anos demandando que se cubra a pista polideportiva do centro, cuestión imprescindible para que os nenos e nenas poidan saír ó patio cando chove. Segundo explica Xose Manuel Quinteiro, da ANPA, trátase dun grave problema xa que cando hai mal tempo os alumnos deben permanecer nas aulas durante o recreo. E tamén perden horas de Educación Física, porque o único ximnasio do que dispón o centro non é suficiente para todas as aulas. Desde a ANPA seguen en negociacións coa Consellería de Educación, que xa visitou as instalacións, e contan cun proxecto feito polo Concello, pero aínda non lles confirmaron que se vaia facer a obra. E mentres os que peor o pasan son os nenos, como Yaiza e Borja, que comentan o "aburrido" que é pasar os recreos na aula, polo que piden un patio "no que poder xogar cando chove".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: