www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Os afectados pola AP-9 piden un esforzo ás empresas para financiar o proceso xudicial
Sociedade • 20/09/2010
Autor: Ana Prieto

O colectivo de afectados pola ampliación da autoestrada reuniron xa uns 13.000 euros grazas á colaboración veciñal. Pero para poder continuar coa demanda diante da Audiencia Nacional para a suspensión cautelar do proxecto do Ministerio de Fomento precisan duns 9.000 euros máis.


A directiva da Asociación de Afectados pola Ampliación da Autoestrada AP-9 en Chapela celebrou esta fin de semana unha asemblea informativa na que participaron máis de 200 veciños. Na xuntanza explicaron a actual situación do proceso xudicial que emprenderon hai meses, e anunciaron a súa intención de seguir adiante coa demanda na Audiencia Nacional. O obxectivo é conseguir a suspensión cautelar do proxecto de ampliación do Ministerio de Fomento ata que non se resolva o contencioso sobre a necesidade de realizar un estudo de impacto ambiental. Os dirixentes do colectivo agradeceron a implicación dos veciños e dalgunhas empresas, que permitiron reunir ata o de agora uns 13.000 €, pero lembran que precisarán uns 9.000 € máis para cubrir os gastos do proceso xudicial, polo que piden un esforzo á cidadanía de Chapela e, sobre todo, ás empresas e comercios da parroquia.


Mobilizacións


Outro dos temas abordados na asemblea foi o das mobilizacións, que acordaron retomar o próximo mes de outubro para seguir manifestando o rexeitamento total da parroquia á ampliación da AP-9. Tamén acordaron acudir ó Parlamento Galego na xornada que se debata a proposición non de lei presentada polo PP na que piden que se dea prioridade á autovía A-57 (Pontevedra-O Confurco) e se reforme o proxecto de ampliación de Rande para mellorar os seus resultados e reducir as afeccións.


A directiva do colectivo tamén criticou a actitude do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ó que acusan de prexudicar a Chapela con fins electorais, e anunciaron tamén a posibilidade de acudir a algún pleno no Concello vigués para amosar o seu rexeitamento ó proxecto.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: