www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Máis de 300 persoas participarán nas Escolas Deportivas de Soutomaior
Deporte • 22/09/2010
Autor: Ana Prieto

O prazo de matrícula está aberto ata o sábado 25 de setembro en actividades como natación, tenis, patinaxe, baile ou ximnasia rítmica. Xa se apuntaron 290 persoas, e desde o Concello calculan que superarán a cifra dos 350 inscritos, tanto en actividades para nenos como nas de adultos.


Despois do éxito das actividades de verán organizadas pola concellería de Deportes de Soutomaior, agora é tempo de retomar as Escolas Deportivas para este curso 2010-2011. Entre as modalidades deportivas que se ofrecen está a natación, tenis infantil, fútbol sala, patinaxe, actividade física para adultos, baile moderno e de salón, iniciación ó deporte e ximnasia rítmica. O concelleiro responsable desta área, Francisco Iglesias, salienta o éxito que ano tras ano teñen estas actividades, que se van renovando e ampliando coa incorporación de novas disciplinas, como o patinaxe, no que teñen xa máis de 100 inscritos. Iglesias destaca tamén os cursos de iniciación ó deporte, para rapaces de 3 a 12 anos, no que os máis pequenos "entran en contacto con diferentes disciplinas deportivas" e, a través de xogos, melloran a súa psicomotricidade.


A concellaría de Deportes ten aberto o prazo de inscrición ata o sábado 25 de setembro, pero xa son case 300 os inscritos. Unha cifra que fai pensar ó concelleiro que este ano "superarán a cifra de 350 matriculados". Iglesias advirte que, nalgúns casos, podería ser preciso limitar o número de alumnos, "para non poñer en risco a seguridade dos participantes nin a calidade do ensino", aínda que insiste en que desde o Concello farán "todo o posible" para que ninguén quede fóra.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: