www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Readmiten a uns poucos traballadores nas obras do túnel do AVE no Val do Maceiras
Sociedade • 23/09/2010
Autor: Ana Prieto

As empresas encargadas dos traballos do tren de alta velicidade que unirán Redondela e Vigo están a chamar a un número reducido de operarios para poñer en marcha a tuneladora que se avariou en agosto, pero aínda non saben cando se incorporarán.


A Unión Temporal de Empresas FCC-Acciona, que leva a cabo o tramo das obras da AVE Vigo-As Maceiras, está a chamar de novo a traballadores para pór en marcha a tuneladora avariada en agosto, que deu lugar ao despedimento de 170 empregados. Os operarios non foron informados sobre cando se incorporarán ao posto de traballo, aínda que sospeitan que será despois da folga xeral do día 29. O que si lles explicaron é a idea de botar a andar a tuneladora até alcanzar a altura da outra máquina, parada nestes momentos na Madroa e que deu lugar ao despedimento doutros 150 traballadores. O mes de decembro sería a data tope para lograr o obxectivo, que se faría con menos empregados que antes e quendas menos intensas.


Desde o sindicato CIG denuncian "a confusión e escurantismo" que rodean ás obras da AVE, tanto no que se refire ao despedimento e contratación de traballadores, como ás datas de reinicio dos traballos e finalización. O responsable nacional de CIG Construción, Xoán Xosé Melón, advirte ademais que non é certo que as obras da segunda tuneladora se detiveran porque concluíu o proxecto licitado, xa que se atopan no punto máis alto e non era nese lugar onde estaba previsto terminar. Melón explica que debería de concluír unha delas á altura da rúa Aragón e a outra case na estación. Advirte a CIG que os propios traballadores aseguran que sempre é máis fácil traballar costa arriba que cara abaixo, debido ás correntes de auga, polo que despois a obra levará máis tempo. A isto virán a sumar as dificultades ao entrar na zona de edificacións, cando se sitúen a só 50 metros dos alicerces dos inmobles. Isto obrigaralles a rebaixar o ritmo, polo que, cre, sería necesario contratar a máis traballadores, algo que non están a facer por agora as empresas subcontratadas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: