www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Xullo de 2020

Denuncian falta de persoal e medios no novo Centro de Saúde de Pazos de Borbén
Política • 17/06/2020

Hai uns 6 meses que se inaugurou o novo centro de saúde de Pazos de Borbén, e malia contar cunhas instalacións renovadas "as carencias que padecen os usuarios continúan a ser notables" segundo denuncia o BNG. A candidata por Pontevedra, Montse Prado, visitou o centro e advirte que a escaseza de persoal e material "agudizáronse nesta pandemia do Covid-19".


Sinala que o centro, que atende a poboación dun concello de 3.000 habitantes, só dispón dun facultativo, unha enfermeira e a atención pediátrica limítase a dous días por semana, o que considera "insuficiente". No caso de Pazos, con máis do 30% da poboación maior de 65 anos, conleva unha media de máis de 40 persoas para atender, o que entenden é un ratio "moi elevado". O BNG apunta que Pazos de Borbén "necesitaría como mínimo outro facultativo máis". Ademais denuncian "deficiencias e atrasos na atención", xa que os profesionais vense na obriga de asumir un número de pacientes "moi elevado", ao que hai que sumarlle as urxencias e visitas a domicilio aos pacientes dependentes, polo que o médico debe saír do centro de saúde, que queda desprovisto de facultativo. Especial atención pon a candidata do BNG na atención pediátrica, que cualifica de "nefasta", xa que só hai unha consulta de pediatría parcial que atende martes e xoves de mañá, "o obriga a moitas familias a desprazarse a outros centros da área". Ante esta situación o responsable local, Xurxo P. Besadío denuncia que "non serve de nada ter un centro de saúde renovado cando os veciños de Pazos de Borbén non teñen unha sanidade de calidade". Prado comprometeuse a que na vindeira lexislatura a prioridade vai ser "dotar o rural galego de servizos e atención sanitaria de calidade con profesionais en número suficiente para atender ao conxunto da poboación rural".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: