www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 14 de Xullo de 2020

O campamento de conciliación oferta 300 prazas e non arrancará antes do 13 de xullo
Sociedade • 30/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para participar no programa municipal de conciliación no mes de xullo, orientado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude antes do xoves día 9.  Está previsto que o campamento se prolongue tamén durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro, malia que esas convocatorias sairán posteriormente. A necesidade de adaptar estes campamentos ás medidas impostas polo Covid supuxo un atraso importante no inicio dos mesmos, que adoitan arrancar o día 1.


A Concellería de igualdade publicaba hoxe as bases que rexerán o programa municipal de conciliación coa finalidade de prestar apoio á veciñanza á hora de conciliar as responsabilidades familiares e laborais. As persoas interesadas en acceder a algunha das 300 prazas ofertadas deberán presentar a súa solicitude antes do 9 de xullo. Ademais da ficha de inscrición e copia do libro de familia, deberán achegar a última nómina e documentación que acredite se realizan o seu traballo de xeito presencial ou telemático.


O servizo prestarase en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas ata o 31 de xullo e o seu inicio está pendente da tramitacións das solicitudes. Posteriormente sairán as convocatorias para os campamentos de agosto e setembro.


Os campamentos desenvolveranse no Centro cultural de Cabeiro (30 prazas), Centro cultural de Cedeira (30), no CEIP Outeiro das Penas de Cesantes (15), no pavillón de Chapela (30), no local da Asociación de veciños de San Esteban de Negros (30), na  Asociación de veciños do Barrio de Saramagoso no Viso (15), na Sociedade labrego cultural de Reboreda (15), no IES Mendiño en Redondela (75), na Asociación de mulleres Arela de Saxamonde (15), na Asociación cultural A Miñoteira en Ventosela (15) e no Centro cultural de Vilar de Infesta (30).


As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello. Para acudir presencialmente  será necesario a solicitude de cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Redondela ou chamando ao teléfono 986 400 300. O prazo para a presentación de solicitudes será do 30 de xuño ao 9 de xullo, ambos dous días incluídos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: