www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 3 de Agosto de 2020

Pedro López, Os Cortizos: "Os Centros de día reabrirán con todas as medidas de seguridade"
Sociedade • 7/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O director do Centro de Día os Cortizos de Redondela, insiste "o risco cero non existe, pero este é o momento máis seguro para levar os maiores a estes centros de atención". Unha vez autorizada a apertura por parte da Xunta a partir do vindeiro día 15, as instalacións deste Centro prepáranse para recibir ao 50% dos seus usuarios, xa que a reapertura será gradual cuns estritos protocolos de actuación para garantir a seguridade tanto dos maiores como dos traballadores.


López Cadilla amosa a súa satisfacción por unha reapertura que entende é moi necesaria ante o deterioro mental e físico que están a sufrir os usuarios destes centros logo de meses sen recibir terapia non farmacolóxica pero igual de necesaria con pacientes que arrastran en moitas ocasións problemas cognitivos ou de mobilidade. Unha demanda de aperta á que se sumaban tamén as propias familias que precisan deste servizo para poder conciliar a súa vida laboral coa atención aos maiores.


Malia que "o risco cero non existe" lembra o director dos Cortizos que a apertura realizarase con todas as medidas sanitarias precisas para garantir a seguridade das persoas, como a medición da temperatura, o uso de máscaras de protección e a disponibilidade de equipos de protección (EPIs). O uso de calzado  específico no centro así como o traballo con unidades de convivencia para que os mesmos traballadores estean sempre cos mesmos usuarios "así, ante calquera sospeita se poderían illar os posibles contaxios".


De feito os profesionais que traballan nestes centros xa recibiron a formación necesaria para afrontar esta nova etapa con todas as garantías.


En canto ao retorno a normalidade lembra que se producirá en tres fases, sendo a primeira etapa que arranca o vindeiro día 15 a reactivación do servizo co 50% do aforo. Darase así prioridade a aqueles usuarios que máis o necesiten. Posteriormente avanzarase ao 75% ata chegar a unha relativa normalizade coa atención a totalidade dos maiores.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: