www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 3 de Agosto de 2020

Redondela lamenta que a Xunta avale a apertura da casa de apostas en Ernestina Otero
Política • 8/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello intúe que a Xunta dará a coñecer a resolución favorable á súa apertura "despois das eleccións" malia que a inspección se realizou o pasado 2 de xuño. A forte oposición a esta instalación, próxima a zona escolar e deportiva de A Marisma, e as numerosas alegacións presentadas non impedirán a empresa promotora, Unión de Operadores Reunidos, poñer en marcha o negocio unha vez obteñan a autorización definitiva.


O goberno local asegura que a Xunta autorizará "en breve" a apertura da casa de apostas na vila, unha instalación á que se opoñen veciños ao estar situada preto de instalacións escolares e areas deportivas utilizadas pola infancia e mocidade do municipio e que foi motivo de numerosas mobilizacións ao longo de varios meses.


Dende o Concello lamentan "que a Xunta faga oídos xordos ás reclamacións veciñais" e intúen que "a resolución favorable darase a coñecer pasadas as eleccións do 12 de xullo, a pesar de que a inspección se realizou o pasado 2 de xuño e o resultado foi favorable a dita apertura". Entenden que ocultar este feito amosa unha evidente "covardía política ante unha cita electoral".


"Non é de recibo -asegura a alcaldesa Digna Rivas- non só que se ignore a oposición frontal da veciñanza en contra da apertura desta casa de apostas, senón tamén que o goberno do PP da Xunta agoche a intención de autorizala ata pasadas as eleccións".


A alcaldesa sinalou que unha vez que o Goberno galego dea luz verde á instalación deste negocio "o Concello estará obrigado a conceder a correspondente licenza para que abra as súas portas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: