www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Conchi Domínguez: "Estamos relaxándonos demasiado"
Sociedade • 9/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A volta a normalizade non sempre é doada. Así o recoñece esta veciña de Redondela e usuaria de Cruz Vermella que, como tantos outros maiores, superado o confinamento tivo que enfrontarse a un certo temor á hora de volver á normalidade. Asegura non ter medo pero si moito respecto e non deixa de lamentar a dor que tiveron que pasar todas esas familias que perderon a un ser querido sen poder sequera despedirse.


"Xa teño visto discusións por xente que se pega moito" explica Conchi quen recoñece tamén que nos estamos relaxando en exceso ante un virus que aínda está aí como demostran os rebrotes que se están a dar en diferentes puntos de Galicia.


O confinamento viviuno en varias fases: unha primeira de excesiva actividade, onde limpar e poñer en orde a casa foi, como para tantos outros, unha labor recorrente nos primeiros días do Estado de Alarma. Unha etapa que deu paso a outro xa de máis agobio cando viu que a situación se prolongaba no tempo.


Pero superar o peche tampouco foi doado "cando permitiron saír tamén me custou volver a unha relativa normalidade". Por unha banda atopábase máis débil fisicamente "tanto tempo na casa pasa factura, perdes mobilidade, musculatura" pero tamén psicoloxicamente "produce angustia atoparse en sitios con moita xente". Asegura non ter medo "pero si respecto" e lembra con pesar aos que quedaron no camiño "fáiseme moi duro pensar en todas esas familias que nin puideron despedir aos seus maiores, que viron como os ingresaban e xa non puideron volver falar con eles".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: