www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 3 de Agosto de 2020

Volven as visitas guiadas ao casco urbano de Redondela e á Illa de San Simón.
Sociedade • 29/07/2020
Autor: Lorena Otero

En grupos reducidos de dez persoas, mantendo a distancia social e todas as medidas de protección, regresan as rutas guiadas á Illa de San Simón e ao centro da vila. Aínda que mudou o xeito de facelo, non cambiou o obxectivo; coñecer a historia da Vila dos Viadutos e tamén un dos emprazamentos de maior valor natural e cultural do noso municipio, a enseada. Neste caso, as visitas son diarias, ás 16.30 horas dende Cesantes.


Por terceiro ano consecutivo, “Redondela, mellor con guía”, retomaba a actividade no mes de xullo con visitas á Illa de San Simón. Rutas que se prolongarán durante o mes de agosto e que permiten coñecer non só a riqueza paisaxística e natural da enseada e a propia illa, senón o seu pasado como lazareto ou como cárcere no franquismo. Un percorrido guiado de dúas horas que parte todos os días, ás 16.30 horas, dende o peirao de Cesantes. Unhas visitas que se caracterizan pola proximidade xa que como recoñece a responsable, Soledad Chayán, son case personalizadas. Os grupos reducidos de non máis de dez persoas favorecen que se estableza un diálogo cos participantes que coas súas dúbidas e intereses encamiñan unha ruta distinta cada día o que lles permite descubrir en cada unha delas novos datos de San Simón.


Unhas visitas á enseada que na primeira semana do mes de agosto esperan poder completar con rutas guiadas polo casco urbano de Redondela. Percorridos polo centro da vila para coñecer o seu pasado mariñeiro, industrial así como os viadutos ou os numerosos hórreos que aínda se conservan no centro da vila.


A responsable de “Redondela, mellor con guía” recoñece que agora toca adaptarse aos novos tempos que nos deixa o coronavirus e malia que o número de turistas aínda está a ser moi baixo no noso concello, a xente está animándose a participar. A maior parte deles galegos que se achegan a coñecer ás Rías Baixas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: