www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 3 de Agosto de 2020

Abanca comprométese co Concello a manter aberta a oficina de Cesantes que reabrirá en agosto
Sociedade • 29/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Os representantes da entidade financeira confirmaron á alcaldesa Digna Rivas, que a oficina reabrirá as súas portas na primeira quincena do mes de agosto logo dunha reunión mantida na mañá de hoxe no concello. Os veciños da parroquia xa manifestaran o seu temor ante o peche da única oficina bancaria existente en Cesantes e, logo de varias protestas, tiñan previsto concentrarse novamente este venres para reclamar a súa reapertura.


Rivas amosaba a súa satisfacción polo compromiso de Abanca de reabrir as portas da oficina de Cesantes, logo da reunión mantida con Victor Manuel Vázquez Saavedra, director de zona Morrazo-Redondela e Juan Walter Álvarez Álvarez, director territorial de Vigo.


No encontro a alcaldesa salientou a importancia desta sucursal de Cesantes tanto para a veciñanza da zona, como para a actividade económica relacionada co mundo da mar, "argumentos que foron perfectamente entendidos polos representantes da entidade financeira" e que foron determinantes á hora de decicir que, "ao longo da primeira quincena de agosto a oficina reabra as súas portas", apuntou Digna Rivas.


O peche da oficina de Cesantes, que conta cun considerable movemento debido ao seu uso por parte das xentes da mar e da actividade portuaria, viña sendo motivo de malestar e mobilizacións da veciñanza. Digna Rivas agradeceu a "receptividade de Abanca ás peticións formuladas polo Concello que non son outra cousa que as esixidas polas veciñas e veciños"


Ao longo da xuntanza de traballo, a alcaldesa solicitou que por parte de Abanca, se revisase a política de cobro de comisións que estaba a desenvolver a entidade "e que afectan aos sectores máis vulnerables da sociedade".


Digna Rivas subliñou que a xestión realizada "responde á obriga do Concello, como administración máis próxima á cidadanía, de poñer voz a calquera problema que afecte aos veciños e veciñas" e cuxa resolución, sinalou, "é para nós prioritaria".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: