www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

O Choco deixa escapar tres puntos
Deporte • 25/10/2010
Autor: Ana Prieto

Os de Julio Álvarez comezaron acosando ó equipo rival pero sen acerto na portería. Finalmente un erro na defensa adiantou ó Marín nunha xornada na que os resultados foron tamén negativos na Primeira Autonómica. Tan só os equipos de Terceira da comarca conseguiron resultados positivos.


Autonómica Preferente


Choco 0 - Marín 1


Os redondeláns deixaron escapar tres puntos de ouro en Santa Mariña. O Marín deu mostras desde o primeiro momento que ía dar guerra. Aínda que nos primeiros minutos foi o Choco o que acosaba o campo contrario, a medida que ía avanzando o encontro o xogo foise nivelando, e o Marín facía as súas internadas na área redondelá. Álex Cubas, polo Marín, e Calo, polo Choco, tiveron as primeiras ocasións, pero faltoulles puntería. O único gol que subiría ó marcador chegou no minuto 35, cun balón aparentemente sen perigo, pero a falta de entendemento entre a defensa e a portería local deixou o balón solto na área e Cubas marcou sen problemas. A segunda metade comezou de xeito semellante á primeira, cos de Julio Álvarez tentando igualar o partido, pero os visitantes, ben colocados na defensa, o que non permitiu ó Choco crear ocasións claras. Deste xeito pasaron os 45 minutos coa derrota do Choco pola mínima. Un resultado que fai que os de Redondela caian tres postos na clasificación, son 15º, e afástase dos grupo que encabeza a clasificación. E o próximo domingo teñen unha complicada saída, será no campo do Verín, colider do grupo.
Primeira Autonómica


Valadares 3-Chapela 2


Os de Luis Ferreira protagonizaron un encontro con moitos goles, pero non puideron cos vigueses,


que se fixeron fortes no seu campo. O Chapela intentouno pero finalmente os tres puntos quedaron para o Valadares cun resultado de 3-2. A derrota fai caer un posto máis ó Chapela, que agora é 14º. Terán ocasión de mellorar esta situación o próximo domigo, cando reciben en Chapela ó R. Castrelos, colista do grupo. 


Moaña 2-Arcade 0


O especial partido disputado onte no Morrazo por dous equipos adestrados por dous irmáns, Marcos e Jacobo Montes, saldouse a favor dos locais. As dúas formacións se coñecen moi ben, foi un partido de rivalidade pero no que primou a deportividade. A situación de partida xa era favorable ó Moaña, con mellores resultados nesta liga e que, ademais, xogaba na casa. Juncal e Toni en pripia porta foron os goleadores do Club Deportivo Moaña. Ó descanso chegouse co 1-0, e foi expulsado con vermella directa o xogador local Curra, a falta de dez minutos para a conclusión. Ó equipo do Morrazo fóronlle anulados tamén outros dous goles xa co 1-0 no marcador. Na segunda metade o Arcade tentou a remontada, fóronse cara arriba, pero non conseguiron nada positivo. A derrota déixaos na 16ª posición da táboa. Con todo, Jacobo Montes agarda mellorar resultados no prazo de 3 meses, tempo que o técnico considera necesario para afianzar o equipo. En canto ós obxectivos ten claro que o prinicipal é "asegurar canto antes a permanencia", nunha categoría moi complicada. Na próxima xornada teñen un difícil encontro, xa que reciben ó líder, o Sporting Guardés.


Terceira Autonómica


Alcabre 0-Choco 0


Empate sen goles no partido disputado polos redondeláns no campo do Alcabre. O reparto de puntos deixa ó Choco na mesma posición da táboa, como11º do grupo. O próximo domingo reciben ó R. Pereiró, dous postos por riba dos redondeláns.


Ribera 3-Vilar 2


O Vilar non puido co Ribera nun partido no que se viron moitos goles, pero no que finalmente os redondeláns non conseguiron igualar. O Vilar é agora 12º, aínda que cun partido menos disputado. A próxima xornada reciben ó Chaín, un dos equipos fortes neste inicio ligueiro, é o 4º clasificado.


Salcedo 1 -Cesantes 3


Vitoria a domicilio do Cesantes que escala unha posición na táboa e son xa 8º. Non tiveron problemas os redondeláns para impoñerse ó Salcedo, colista do grupo, e gañaron por 1-3. A próxima xornada recibirán ó Soutomaior.


Arcade B 2-Praderrei 0


O filial do Arcade impúxose ó Praderrei grazas ós goles de Leiro e Isaac, un en cada tempo. Non só a vitoria, o dominio tamén foi dos de Soutomaior, xustos gañadores do encontro. Os tres puntos deixan ó Arcade B 9º de grupo. A próxima xornada xogan no campo do Moraña, 12º da táboa.


Soutomaior 2-Sampaio 1


O Soutomaior foi o vencedor dun derbi moi igualado no que finalmente se impuxo ó Sampaio, colíder do grupo. Deste xeito o Soutomaior escala ata o 6º posto, recortando puntos cos equipos de cabeza. A próxima xornada disputa outro derbi, no campo do Cesantes. Os de Redondela suman un punto menos.


Alpinista 1- Nespereira 1


Ós de Pazos dánselle ben os equipos fortes, e de feito vén de empatar na casa do que era líder, o Alpinista, e que precisamente por mor dese empate baixa á segunda praza da táboa. O Nespereira escala ata a 11ª posición. O próximo domingo recibe ó Cumiar, 9º.


Fútbol Sala-Autonómica sur


Baitra Baiona 13 -Redondela 6


Os redondeláns recibiron un duro correctivo en Baiona, encaixando unha avultada goleada. A derrota fainos cair un posto na táboa, son 10º. Na próxima xornada reciben ó Cortegada, un dos colistas do grupo


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: