www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Setembro de 2019

Conferencias sobre saude e benestar
Sociedade • 25/10/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A fibromialxia e o cancro son as dúas doenzas que centrará as charlas que organiza a Concellería de servizos sociais e igualdade. Hoxe as 19:00 na casa da cultura e mañá á mesma hora no Multiusos.


Hoxe luns as sete da tarde na casa da cultura falarase do diagnóstico e o seguimento da fibromialxia, unha enfermidade tamén coñecida como síndrome de fatiga crónica e que segundo os seus afectados conleva moita incomprensión e invisibilidade para as persoas que a padecen xa que non existe un protocolo de diagnóstico sanitario para detectar e cuantificar os seus síntomas. Isto provoca que o paciente teña que seguir un logo proceso ata que é diagnosticado, normalmente por descarte logo de que o doente teña pasado por moitos especialistas.


As encargadas de achegarnos máis datos en torno á enfermidade será a presidenta da Asociación galega de Fibromialxia, María Dolores Bermúdez Vázquez e a especialista en medicina familiar e comunitaria Rosana Izquierdo Fernández.


Mañá martes celébrase unha segunda charla que abordará "O cancro na saúde das mulleres"e que contará coa presenza da médica e colaboradora da Asociación Española Contra o Cancro Angeles Pereira Rivas. Nesta conferencia, falarase por unha banda dos tipos de cancro que tradicionalmente afectaron ás mulleres, como son o cancro de mama ou de ovario, pero tamén se exporá cales son os novos tipos de cancro que están a ter unha moi alta incidencia na poboación feminina: o cancro de pulmón e o cancro de colon.


Ao remate da conferencia, as persoas asistentes, poderán participar nun debate, no que exporán as súas inquietudes e dúbidas sobre o exposto.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: