www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 18 de Novembro de 2019

Chapela e Arcade preparan un derbi marcado pola igualdade entre os dous equipos
Deporte • 23/11/2010
Autor: Ana Prieto

Os dous equipos protagonizan o derbi comarcal na Primeira Autonómica, ó que chegan con só un punto de diferencia na táboa, cos de Redondela na 14º posición da táboa e os de Soutomaior 16º. Os dous conxuntos precisan sumar puntos para saír da parte baixa da clasificación e acadar o obxectivo da permanencia.


A Primeira Autonómica é unha categoría moi esixente e na que esta temporada hai ademais moita igualdade. Esta fin de semana enfróntanse os dous equipos da comarca no Chapela-Arcade, un interesante derbi ó que os dous conxuntos chegan nunha situación complicada da táboa e moi igualados. Os de Luis Ferreira son 14º da clasificación e suman un punto máis que os de Soutomaior, que son 16º. O adestrador do Arcade, Jacobo Montes, sinala que o partido do domingo é dobremente importante para eles, por unha banda porque se trata dun derbi e por outra, porque os dous equipos son "rivais directos". Chapela e Arcade loitarán por sumar os tres puntos que axuden a saír da parte baixa da clasificación e achegarse ós postos que garanten a permanencia. Para Montes o Chapela parte cunha dobre vantaxe neste partido, xa que xoga no seu campo e, ademais, é un equipo "moi consolidado" xa que non se deron practicamente cambios con respecto ó cadro da pasada temporada. Para o técnico do Arcade a decisión de Luis Ferreira de manter o bloque que conseguiu o ascenso o ano pasado foi "un gran acerto", e agora ten un equipo sólido. Algo que lamenta non puidera darse no Arcade, equipo que sufriu as baixas de moitos xogadores que tiveron que ser substituídos.


En canto ó partido Montes prognostica que será un encontro "marcado polo xogo ofensivo do Chapela", e no que o Arcade tentará conter os ataques dos locais e crear as súas ocasións ó contragolpe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: