www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 18 de Novembro de 2019

Guillerme Vázquez visita Redondela para coñecer as demandas da confraría
Institucional • 24/11/2010
Autor: Ana Prieto

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, visitou esta mañá Redondela para coñecer diferentes actuacións desenvolvidas desde as concellerías do Bloque, como a recuperación ambiental do río Pexegueiro ou a creación do local de Nsaio. Xa no peirao de Cesantes reuniuse con membros da Confraría para coñecer as súas demandas, que pasan, entre outras cuestións, pola mellora das instalación da lonxa.


O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, visitou esta mañá Redondela acompañado do voceiro local e tenente de alcalde, Carlos Pazos. Vázquez acudiu a este municipio para coñecer de primeira man algunhas das actuacións desenvolvidas polo grupo municipal do Bloque. Cun percorrido polo río Pexegueiro o líder nacionalista comprobou os traballos de recuperación ambiental da Concellería de Medio Ambiente. Tamén visitou o Local de Nsaio, onde os grupos de música locais contan cun espazo acondicionado para ensaiar e facer composicións, nunhas instalacións habilitadas nas antigas casas dos mestres, na avenida Mendiño. Vázquez achegouse tamén ó peirao de Cesantes, onde mantivo unha reunión cos responsables do pósito, que lle transmitiron as demandas do sector. O Patrón Maior, Clemente Bastos, salientaba antes da reunión que as necesidades da confraría "son moitas e variadas". Entre elas urxe a necesidade de mellorar as instalacións da lonxa, que carecen de servizos básicos como cámaras frigoríficas.


Vázquez evitou pronunciarse sobre cuestións de política local, como a confección da lista de candidatos para as próximas eleccións municipais asegurando que "aínda hai tempo" ata finais de decembro para presentar as candidaturas e que no BNG teñen "os seus ritmos". Na visita a Redondela Vázquez estivo acompañado ademais das concelleiras nacionalistas Rosa Costas e Ánxeles Babarro, ademais doutros membros do Consello Local como Xosé Luis Grande e o responsable local do BNG, Xoán Carlos González, que evitaron pronunciarse tamén sobre a lista da súa formación ata que se celebre a asemblea cos militantes este sábado.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: