www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 11 de Decembro de 2019

Os veciños de Redondela amósanse contrarios ó atraso na idade de xubilación
Sociedade • 26/11/2010
Autor: Ana Prieto

O plan de axustes anunciado polo goberno atópase cun amplo rexeitamento social. Tamén no caso dos veciños de Redondela, que apostan por outra medidas como os incentivos para aqueles que queiran prolongar a idade laboral. A sociedade rexeita de pleno que en traballos como o mar ou a construción se teña que traballar ata o 67 anos, e convidan ó goberno central a recortar gastos noutras partidas, como os coches oficias e os servizos de escolta.


O contexto de crise económica levou ó goberno central a poñer enriba da mesa unha serie de duras medidas para reducir o déficit. Entre elas a criticada reforma laboral, o recorte salarial ós funcionarios, a conxelación das pensións e, tamén, o atraso na idade de xubilación dos 65 ós 67 anos. Medidas impopulares que, nalgúns casos, están aínda á espera de que se apliquen. E tanto desde a UE como propio Banco de España están a meter présa ó goberno para que as faga efectivas. Mentres a sociedade amósase rotundamente en contra. En Redondela, os veciños téñeno claro, "non é lóxico" atrasar a idade de xubilación, sobre todo en sectores "duros", como o mar ou a construción, cando ademais se rexistra unha elevada taxa de paro entre os mozos. Un grupo de operarios municipais salientaba nestes micrófonos que os 65 anos é idade "máis que suficiente" para xubilarse, sobre todo en sectores que requiren dun importante esforzo físico. Outros veciños, como Ferreira, critican a actitude do goberno e apostan por recortar gastos doutras partidas que considera un mal gasto, como os "coches oficiais e os escoltas". Pilar, unha veciña de Cedeira e doutora de profesión, poñía tamén de relevo outro problema engadido ó atraso na idade de xubilación, que levaría a moitos traballadores a pasar os últimos anos solicitando baixas laborais.


Celso, un pensionista redondelán, matiza tamén que, "se os que están agora a traballar non se xubilan", non quedarán postos de traballo para os mozos, "que son os que agora teñen que cotizar".


Un destes mozos é Jose Antonio, un veciño de Redondela de 29 anos que está no paro. El é rotundo ó afirmar que as medidas do goberno de Zapatero "non van servir para nada", amósase moi pesimista co futuro e augura que o próximo ano "vai ser peor" en sectores como a automoción e o naval. José Antonio entende que "o que tería que facer o presidente é dimitir".


Mentres os expertos en economía apuntan medidas alternativas ó atraso na idade de xubilación, como elevar de 35 a 38 anos o tempo de cotización para percibir unha pensión completa. Outra que tería efecto inmediato sería subir de 15 a 17 anos o período mínimo de cotización para ter dereito a unha pensión .

Comentarios
Delegado
Sábado 27 de Novembro de 2010 ás 23:01 horas
O que hai que facer e limitar ou eliminar as xubilacións dos directivos dos bancos causantes dac rise financieira. Non é de recibo que tod@s teñamos que pagar as consecuencias dos seus xogueciños financieiros feitos de mala fe e actuando contra a sociedade e interés colectivo. Non é concebible que os paises civilizados non teñan ningún tipo de regulación e que se permita que os banqueiros xoguen con nos arruinen os paises e que logo queden libres de toda responsabilidade e por riba se lles enchan máis os bolsillos . Ainda teñen a geta de ameazar con EREs con delocalizacións etc.

Tamén habería que coller polas orellas á mercenaria clase política que non goberna nin serbe á sociedade que a elixe e ao interés común. A única sociedade que serben é a Anónima ou a Limitada. Como exemplo non hai máis que pisar unha casa consistorial para darse conta a quen atenden amablemente quen atopa solución aos seus problemas quen cobra e quen paga etc.
[1-1]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: