www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

O Redondela Fútbol Sala busca un resultado positivo en Gondomar
Deporte • 14/12/2010
Autor: Ana Prieto

A vitoria da pasada xornada sobre o Pazos, actual líder da liga, deulle unha inxección de moral ó equipo redondelán. Esta fin de semana teñen unha importante cita co Abetos, equipo co que están moi igualados. O obxectivo do club é manterse na metade da táboa con aspiracións de rematar o campionato entre os seis primeiros.


Despois de tres derrotas consecutivas o Fútbol Sala Redondela por fin resucitou e amosou un bo nivel de xogo diante dos seus afeccionados. E fíxoo do mellor xeito posible, cunha remontada diante do líder, o Pazos de Borbén. A vitoria por 8-6 supón algo máis que sumar puntos, segundo explica o técnico, Manuel Otero "Manoliño", tamén é unha importante inxección de moral despois dun partido no que había "unha motivación extra". Agora, desde a 9ª praza da táboa, agardan continuar con esa senda de triunfos diante do seu próximo rival. A cita é o sábado en Gondomar, diante do Abetos, equipo co que están moi igualados, xa que está un posto por baixo dos redondeláns na táboa, e suma un punto menos. Manoliño apunta que "non serviría de nada" terlle gañado ó líder, se despois non gañan os encontros dos que el denomina "a súa liga". Por iso viaxan a Gondomar co obxectivo de facer un resultado positivo. Logo terán tres semanas de descanso polas festas de Nadal, Aninovo e Reis, prazo de tempo no que agarda poder recuperar a algúns xogadores lesionados. E de cara ó próximo ano o propósito do club e continuar cunha liña ascendente, e rematar a liga na metade alta da táboa. O obxectivo que se marca Manoliño é quedar "entre os seis ou sete primeiros", aínda recoñece que "será complicado".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: