www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Un obradoiro ensina aos mozos a crear música pop
Sociedade • 28/12/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Calquera pode compoñer e gravar cancións cun mínimo de calidade e así o van comprobar os participantes no obradoiro itinerante «Detrás dá canción», que chegará a Redondela o martes 4 de xaneiro. Pensado para mozos a partir de 12 anos a actividade concluirá cun concerto do grupo santiagués The Homens.


Baixo o lema Detrás da canción, o día 4 de xaneiro levarase a cabo un obradoiro de creación musical, destinado a mozos e mozas a partir dos 12 anos, cuxo obxectivo é demostrar que se poden compoñer cancións e gravalas de xeito doado, e que calquera pode facelo cun mínimo de calidade empregando programas de uso gratuíto que se atopan na Internet. Pero alén de todo iso, quere mostrar que a lingua galega é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.


Este curso, impartido por Carlos Valcárcel de Projecto Mourente, levarase a cabo no Multiusos da Xunqueira o martes 4 de xaneiro ás 18:00 horas, e constará de dúas sesións de 50 minutos de duración que lles permitirá aos asistentes coñecer algunhas das ferramentas básicas para gravar unha peza nun ordenador e posteriormente publicala na rede. Para poder participar neste curso cómpre facer a inscrición a través da web www.detrasdacancion.info.


Como colofón a ese curso, o grupo galego The Homens levará a cabo un concerto acústico no auditorio ás 20 horas aberto a todo o público en xeral no que a banda compostelá tocará varias das súas cancións adaptadas para facer máis participativo o concerto.


A actividade está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co SNL do Concello de Redondela dentro do programa Bocaberta de dinamización lingüística.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: