www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Un cento de rapaces participan no Torneo de Nadal das Escolas de Balonmán
Deporte • 28/12/2010
Autor: Ana Prieto

Alumnos de Primaria de entre 6 e 11 anos participan o xoves no Torneo de Nadal das Escolas Deportivas de Balonmán. Trátase de rapaces que practican este deporte da man da SAR, que salienta a importancia destas actividades para promover hábitos de vida saudable entre os máis novos, ao tempo que forman canteira para o club redondelán. O torneo disputarase a partires das 16:30 horas no pavillón do Instituto Mendiño.


Case un cento de rapaces e rapazas de entre 6 e 11 anos disputarán na tarde do xoves o Torneo de Nadal das Escolas Deportivas de Balonmán. Alumnos de Primaria de colexios de Redondela e Arcade forman parte destes grupos que a SAR se encarga de adestrar ó longo de todo o curso. Antonio Bas, responsable destas Escolas Deportivas, sinala a importancia que teñen estas actividades para os máis novos. Trátase dunha "boa alternativa" ó fútbol, deporte maioritario, que axuda a manter en Redondela a tradición do balonmán, que sempre contou con moita presenza. É un xeito de ofrecerlle ós rapaces e as súas familias unha actividade extraescolar que fomenta "hábitos de vida saudables". A SAR conta con grupos de balonmán tanto en colexios de Redondela como en Arcade, onde este curso ofreceron por primeira vez a actividade, que contou "con moito éxito de participación". Como fin de festa deste primeiro trimestre, o xoves dispútase o torneo de Nadal, será a partires das 16:30 horas no pavillón do Instituto Mendiño. Os rapaces estarán divididos en equipos e por grupos de idades, o primeiro cos nenos de 6 a 8 anos, e o segundo cos que teñen entre 9 e 11. Ao longo do curso seguirán organizando actividades, que se centrarán tamén en torneos que se disputarán en Semana Santa e no mes de xuño, coincidindo co fin de curso.


Novo adestrador


O responsable das Escolas Deportivas, Antonio Bas, valorou tamén moi positivamente a incorporación de Javier Barrios como novo adestrador do equipo senior da Peguform SAR. Cualificouno como un técnico "de garantías" para sacar ó equipo redondelán do pozo no que está inmerso esta liga. O obxectivo do club é salvar a categoría, para o que contan coa dilatada experiencia de Barrios no balonmán de elite.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: