www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 4 de Agosto de 2020

Os actores de Matapiollos e Berrobambán pasan polo Multiusos
Cultura • 29/12/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Os espectáculos infantín "Flis-fli.ris-flas" e "Bicharada" forman parte do ciclo Pequeatro da Concellería de Cultura. As actuacións serán mércores e xoves ás 18:00 horas na Multiusos da Xunqueira a un prezo de un euro


Nova cita co Pequeatro, será as seis da tarde de hoxe coa obra de Matapiollos "Flis-fli-ris-flás". Carlos Coira e Jorge Yáñez son os encargados de dar vida neste espectáculo a dous dos personaxes que desfilan polo escenario apoiados por monicreques, a música e a máxica luz negra, elementos todos eles que permiten crear mundos que atrapan a espectadores grandes e pequenos.


Cobra moita importancia a música, composta especialmente para esta obra, cunhas cancións orientadas a que os cativos participen e formen parte do espectáculos. As representacións ás18:00 horas a un prezo de un euro e está recomendada a nenos a partir dos 5 anos de idade.


Os bichos de Berrobambán


Os actores de Berrobambán serán os encargados de pechar o ciclo cunha función mañá xoves. Con 'Bicharada' a compañía volve ao terreo do teatro mudo, da linguaxe visual e musical para o público máis pequerrecho. Coa dirección de Evaristo Calvo, actúan nela Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabell Gago. A montaxe obtivo o Premio María Casares 2010 ao Mellor Vestiario, polo traballo de Cloti Vaello e conta a historia dunha araña e unha formiga viven tranquilas na paz do seu recuncho até que un día aparece un animal misterioso...un escaravello!


Desde a primeira luz o público -nenas e nenos, grandes e pequenos- entran no mundo de Bicharada descubrindo e gozando do traballo que conseguiu vertebrar o equipo de Bicharada e onde a música tamén cobra especial importancia tanto na súa vertente en directo, na que os bichos tocan tres instrumentos (hang, kalimba e kazoo de bambú), como gravada, interpretada por Carlos Castro á marimba, vibráfono, lira e batería.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: