www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Unanimidade no último pleno do ano para instar á Xunta a mellorar a seguridade na Avenida Mendiño
Institucional • 30/12/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O concelleiro de Tráfico, Eduardo Reguera, acusou aos populares de manter paralizada na Xunta unha achega de 808.000 euros destinada á ampliación de beirrarúas e a mellora da iluminación na estrada que comunica o centro da vila co Peirao de Cesantes.


Todos os grupos políticos presentes na corporación acordaron onte nun pleno que se prolongou durante máis de tres horas instar á xunta de Galicia a que adopte medidas de seguridade na Avenida Mendiño. A moción presentada polos populares facía fincapé nas reiteradas denuncias dos veciños da zona polas carreiras, excesos de velocidade e comportamentos temerarios dalgúns condutores, sobre todos nas noites de venres e sábado, nunha vía onde ven de producirse un accidente mortal.


Na intervención dos populares, o edil Alberto Pazos, lembraba a necesidade de incrementar a seguridade na vía e preguntaba ao responsable de tráfico polas medidas adoptadas dende o concello para lograr este obxectivo.


Aínda que todos os grupos se mostraron de acordo coa moción, a mesma non estivo exenta de debate. De feito o voceiro do BNG, Carlos Pazos, lembraba que "son poucas as competencias neste caso por parte do concello tendo en conta que se trata dunha estrada cuxa titularidade é da Xunta".


No mesmo sentido se manifestaba o edil responsable, Eduardo Reguera, quen acusaba ao goberno galego de manter paralizada a segunda fase dunha actuación que se iniciara coa construcción da rotonda e que está préndente dunha achega de 808.000 euros para a ampliación de beirrarúas e a mellora da iluminación


Engadía o edil que logo do accidente mortal na vía, se lle solicitou tamén á Xunta que se eleven os pasos de peóns e sobre as críticas emitidas dende o PP respecto dos coches aparcados a ambos lados do vial, Reguera asegurou que se permite aparcar para dar sensación de estreitamento nos carrís e que os condutores aminoren a velocidade.


Non houbo unanimidade na proposta do goberno local de adiantar ás 19:00 horas o horario dos plenos. Unha proposta rexeitada polo PP porque segundo explicou Alberto Pazos "este cambio dificulta a asistencia do público". Emilio González Iglesias falaba de dobre moral, xa que "o PP onde goberna pon os plenos pola mañá".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: