www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 4 de Agosto de 2020

O PP anuncia por sorpresa un proxecto integral para o peirao de Cesantes
Institucional • 31/12/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Non se coñecen os prazos, o investimento previsto nin tampouco o contido do proxecto pero dende o PP, o edil Alberto Pazos asegura que Portos de Galicia prepara un proxecto integral para o peirao que vai cambiar por completo a estrutura de Cesantes. Dende o BNG acusan ao populares de "fantasiar cun megaproxecto que non se vai facer"


O popular Alberto Pazos anunciaba no transcurso do pleno do pasado mércores un "proxecto integral" para o peirao de Cesantes. Un anuncio inesperado que lle servía para argumentar a decisión do seu grupo de votar en contra dunha moción do BNG, na que os nacionalistas solicitaban o apoio da corporación para demandar á Consellería do Mar que acometa unha serie de actuacións encamiñadas a mellorar as condicións nas que traballan mariñeiros e mariscadoras da Confraría.


O nacionalistas Carlos Pazos explicaba que as actuacións solicitadas polos mariñeiros mellorarán non só as súas condicións laborais senón que beneficiarán á propia praia de Cesantes.


Os populares aseguraron estar de acordo coas demandas da Confraría, pero engadiron que "existe xa un proxecto integral que vai cambiar por completo a estrutura de Cesantes" polo que ao seu entender non tiña sentido votar  a favor da moción. Pedían ademais paciencia ao BNG porque "o proxecto vaise coñecer en breve".


Un anuncio que ao entender do Bloque é "puramente propagandístico" e acusou ao PP de "fantasiar sobre un megaproxecto que non se vai facer".


A oposición do PP non impediu que a moción saíse adiante polo que se lle demandará á Consellería do Mar que acometa unha serie de melloras consistentes na pilotaxe e alongamento do peirao e o dragado da zona interior para gañar máis calado, obras orientadas a modernizar á lonxa e mellorar as instalacións, dotando as mesma de vestiarios, cámaras de frío e xeo, depósitos de auga salgada para gardar os moluscos, aseos, oficinas para a súa xestión e conexión a rede de saneamento municipal.

Comentarios
Harpo Marx
Domingo 2 de Xaneiro de 2011 ás 16:57 horas
Dende www.faloderedondela.es.tl queremos agradecer a colaboración totalmente desinteresada que tivo Radio Redondela connosco. Como de ben nacido é ser agradecido, vémonos obrigados a poñernos aos pés do Sr. Pazos polo comportamento que tivo connosco, permitíndonos a utilización das súas infraestruturas, como medio publicitario da nosa páxina. Por todo isto, só podemos dicir que Deus vos garde moitos anos, pero moitos, moitos... tanto a ti coma a Dña. Cecilia.
Piotr Kroptov
Domingo 2 de Xaneiro de 2011 ás 11:34 horas
Eu non son mariñeiro nin mariscadora, pero atopo na posición do PP un algo de Papá Noel, Reis Magos ou da versión galega do Apalpador. Grandes anuncios polo Nadal e todos sabemos que os premios destas datas son froitos das boas condutas de todo o ano...
un mariñeiro
Venres 31 de Decembro de 2010 ás 19:03 horas
Señoritos do PP de Redondela, na confraría non queremos un "megaporto" precisamos unhas instalacións dignas, con vestiarios para as mariscadoras con auga quente onde poder cambiarse logo do traballo, a día de hoxe fanno na rúa e unha lonxa en condicións, con saneamento, camaras de frio e xeo, depósitos estabuladores de auga salgada e departamentos para os mariñeiros e sobre todo que derruben ese peirao feitos de recheos que está matando a praia e o fagan sobre pilotes para permitír o paso das correntes, o que permitiría recuperar esa zona que a día de hoxe e unha lameira.
Lembren un dato somos a confraría da ría de Vigo que mais cartos pagamos a portos de Galicia, por unhas instalacións de vergoña.,
Señoritos do PP de Redondela, votando NON a esta iniciativa, amosades a quen defendedes.
Ni un so voto das xentes de mar para estes elementos
[1-3]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: