www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 11 de Decembro de 2019

A recuperación do Pexegueiro primeira das actuacións do Proxecto Marisma
Institucional • 17/06/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Medio cento de veciños asistiron onte á presentación do Proxecto Marisma. Un proxecto que logo de varios cambios parece que por fin se vai facer realidade cun investimento total de 3 millóns de euros, dos cales dous millóns correrán a cargo dos fondos europeos feder mentres que o concello aportará un millón.


Con este proxecto o goberno local pretende recuperar e preservar a zona onde desembocan os ríos Alvedosa, Pexegueiro e Maceiras así como a difusión dos valores polo respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento sustentable entre a poboación. Unha actuación, que segundo apuntaba o alcalde de Redondela, Xaime Rei, permitirá “non só mellorar a calidade de vida dos veciños da vila senón tamén crear postos de emprego nunha situación de crise económica”.



A construcción dun paseo peonil dende a depuradora a Punta Socorro, que permitirá comunicar cunha pasarela de madeira a zona da marisma coa Portela é a obra máis ambiciosa



O Proxecto contempla ademais a recuperación da canle do río Pexegueiro e o seu saneamento, o soterramento da liña de media tensión o alumeado da zona e a construcción dun paseo peonil que permitirá rodear a contorna da depuradora. Tamén se ampliará o paseo que existe na actualidade na depuradora ata Punta Socorro. O proxecto tamén inclúe a rehabilitación do pavillón, tanto no seu aspecto exterior como as súas dotacións (pistas, vestiarios), no que se instalará unha experiencia piloto de enerxía solar térmica. No edificio do antigo ximnasio crearase un centro de emprego, no que se impartirán cursos do plan FIP. Ademais tamén se dotará de servizo wifi aos centros socias e culturais localizados na contorna do Río Pexegueiro. Arestora xa están adxudicadas as obras da recuperación da canle deste río e o seu saneamento.



Malia que as obras está previsto que finalicen en xullo do 2011 o goberno local xa instou ao Ministerio para que axilice os trámites e espera que todas as execucións que recolle o Proxecto Marisma estean concluídas en decembro do 2010.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: