www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O F.S. Redondela volve á senda do triunfo
Deporte • 28/02/2011
Autor: Ana Prieto

Logo de semanas encadeando resultados negativos, o equipo redondelán sumou unha importante vitoria diante da súa afección ó impoñerse ó Baitra Baiona por 5-2. A pesares das baixas os de Manoliño fixeron un gran partido e dominaron o encontro desde o primeiro minuto.


Fútbol Sala-Autonómica Sur


Redondela 5-2 Baitra Baiona


O equipo redondelán acadou un importante triunfo no pavillón municipal. Un espectacular partido o que ofreceu o equipo de Manoliño a súa afección, con goles de Alexandre Gómez (3), Yago Figueroa e Pablo Míguez. Os dous equipos saltaron á pista con moitas baixas. A gran diferenza na táboa de clasificación, co equipo de Baiona moi por diante, non se reflectiu no partido, e o xogo estivo dominado polos locais desde o primeiro minuto


Agora comeza o cambio de rumbo do equipo redondelán, que segue penúltimo na táboa. E o sábado terán un rival que semella moi asequible, xogan diante do Cortegada, o pechacancelas. Será o sábado ás 18:30 horas no pavillón Marta Míguez


Fútbol Preferente Autonómica


Choco 0-2 Sanxenxo


Non foi unha boa xornada de fútbol en Santa Mariña, ningún dos dous rivais amosou un bo nivel de xogo, pero foron os do Salnés os que dispuxeron de acerto de cara ó gol. Deivi adiantou ó Sanxenxo no minuto 35 tras un córner sacado por Cidrás. Xa no segundo tempo, Bolo sentenciou o encontro ó marcar desde o centro do campo, nunha xornada na que os de Julio Álvarez non fixeron méritos para acadar un mellor resultado. Con todo, os redondeláns mantéñense na mesma posición da táboa, son 11º. Desde a metade da táboa o domingo desprazaranse para xogar no campo do Atios (13º)


Primeira Autonómica


Chapela 0-2 Valadares


Os de Luis Ferreira non conseguen afastarse dos postos de perigo, logo da derrota sufrida onte en Chapela diante do Valadares. No club redondelán eran coñecedores de que sería un partido complicado, pola veteranía e dureza do rival. Agora son 14º posición da táboa o próximo partido xogarán no campo dun contrincante, que polo menos sobre o papel semella moito máis feble, o Castrelos, 17º.


Arcade 0-2 Moaña


Complícanselle as cousas ós de Jacobo Montes logo da derrota co Moaña, están nunha difícil situación, no posto 16º da táboa, e cada vez máis afastados das prazas que garanten a salvación. E o domingo teñen unha cita no campo dun duro rival, o Sp. Guardés, da parte alta da táboa (8º).


Terceira Autonómica


Cesantes 2-4 Pontecaldelas


O Cesantes non puido co Pontecaldelas, nun encontro no que os afeccionados puideron gozar ademais de moitos goles. O resultado deixa ós redondeláns na 6ª praza do grupo. O próximo partido xogan no campo do pechacancelas, o Presqueiras.


Praderrei 2-2 Soutomaior


O Soutomaior repite resultado, novamente reparto de puntos para o equipo, neste caso no campo do Praderrei. O próximo domingo reciben na casa a un rival de alto nivel, o Moraña, 4º do grupo.


Beluso 1-2 Arcade B


O filial do Arcade deu a sorpresa esta fin de semana gañando na casa do líder, o Beluso. Precisamente cando o equipo non atravesaba o seu mellor momento foron quen de impoñerse ó mellor equipo da liga. A vitoria sérvelles ós de Soutomaior para escalar posicións, agora son 10º na táboa. A próxima xornada reciben ó filial do Moaña, que tampouco está a facer unha boa temporada (12º).


Choco 4-1 Alcabre


O Choco impúxose cun contundente marcador ó Alcabre. Logo da goleada os redondeláns están nunha cómoda situación, son 5º, na próxima xornada visitan o campo do R.Pereiro, da parte baixa da táboa.


Vilar 3-0 Ribera


O Vilar sobe un posto na clasificación logo de impoñerse cun claro 3-0 ó Ribera (11º). Máis difícil se prevé a próxima cita, será no campo do Chaín, 4º do grupo.


Nespereira 0-1 Alpinista


Os de Pazos baixaron unha posición, ata o posto 12º , logo de perder pola mínima co Alpinista. Na próxima xornada terán que medirse a un rival directo, xogan no campo do Cumiar (13º).

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: