www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O Chapela viaxa a Avilés con "respecto" ó rival
Deporte • 1/03/2011
Autor: Ana Prieto

O Cafés Toscaf podería parecer un feble rival para os redondeláns, vista a súa situación na táboa. Pero en Chapela non se fían, xa que é moi difícil gañarlles na súa casa. O técnico Fran Teixeria lembra que a pasada temporada perderon o liderado precisamente por mor da derrota en Avilés, e sinala que a situación na táboa do rival non se corresponde co seu potencial.


O Paraxe Construcións Chapela afronta a recta final de liga aspirando ó máis alto. O obxectivo é volver a disputar a fase de ascenso, como nos últimos anos. Quedan seis xornadas e para o técnico, Fran Teixeira, o encontro co Cafés Toscaf, en Avilés, será "o máis difícil". A situación do rival na táboa, onde son 12º, podería facer pensar que se trata dun equipo feble, pero nada máis lonxe da realidade. A lo menos esa é a opinión do adestrador redondelán, que lembra que a pasada temporada o Chapela perdeu o liderado pola derrota no Pabillón Municipal da Magdalena. Teixeira entende que a posición do Toscaf na táboa non se corresponde coa calidade do equipo, e está seguro mellorará resultados.


A situación do Paraxe Chapela é boa, na segunda praza da Primeira Nacional, empatados a puntos co Calvo Xiria. Pero no club lamentan que non dependen de si mesmos para optar á promoción de ascenso, xa que de manterse o empate co Xiria a final de temporada a praza sería para os de Carballo, que teñen o "gol average" ó seu favor. O obxectivo en Chapela é facerse co segundo posto e volver situarse na elite do balonmán, como veñen facendo nos últimos anos, sempre entre os catro mellores equipos de Galicia.


O outro equipo local que milita na Primeira Nacional, o Peguform SAR, atravesa unha situación moito máis complicada. O equipo de Javier Barrios suma tan só 8 puntos nesta temporada, e son decimoterceiros. Terán unha boa oportunidade para sumar unha vitoria este sábado, xa que reciben na bomboneira ó pechacancelas, o Base Oviedo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: