www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

Satisfacción no balonmán local logo dunha fin de semana de triunfos
Deporte • 7/03/2011
Autor: M. X. Queimaliños

A SAR continúa na loita pola supervivencia logo de gañar ao pechacancelas, o Base Oviedo por 31 goles a 20. Máis apertado estivo o resultado acadado polo Chapela na súa visita a Avilés. Os xogadores do Paraxe lograron arrebatarlle os puntos ao Cafés Toscaf nos últimos minutos de xogo, nun encontro que rematou cun igualado marcador de 23 goles a 24.


Tarde de sufrimento para o Paraxe Chapela que na súa visita a Avilés tivo que esperar ata os últimos minutos de partido para imporse ao Cafés Toscaf. O paraxe, a priori moi superior ao seu rival tendo en conta a situación de cada un dos equipos na táboa, non foi quen de trasladar esta superioridade ao marcador e, de feito, non sería ata os últimos cinco minutos do encontro cando os de Chapela conseguiron derrotar aos rivais. O partido, disputado no pavillón de Avilés, rematou co resultado de 23 goles a 24, unha vitoria aínda que pola mínima que permite ao Chapela manterse na segunda praza da táboa.


Os de Fran Teixeira recibirán na vindeira semana en Chapela ao Oar Coruña.


E os afeccionados ao balonmán en Redondela tiveron esta fin de semana na bomboneira un duelo entre colistas. A Sar xogaba co último clasificado o Base Oviedo. Dende o primeiro momento os de Javier barrios demostraron a súa superioridade e non deixaron de aumentar as distancias cos asturianos nun encontro que rematou co resultado de 31 goles a 20 a favor da SAR.


O equipo redondelán continúa loitando pola supervivencia, aínda que con dificultades xa que se atopan no penúltimo posto. Na vindeira cita xogarán no campo do cisne, tamén na parte baixa da táboa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: