www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Traballadores e empresa achegan posturas para poñer fin á folga do lixo
Sociedade • 7/09/2011
Autor: Ana Prieto

Fixeron falta máis de tres semanas de folga para que representantes dos traballadores e da empresa Urbaser sentaran a negociar na sede de Inspección de Traballo da Xunta, en Vigo. Onte avanzouse na resolución do conflito ó aceptar as partes a intervención dun mediador. O obxectivo é avanzar e achegar posturas para poñer fin á folga do lixo que afecta ós municipios de Soutomaior, Pontecaldelas e Vilaboa.


Desde que comezara a folga do lixo en Soutomaior, Pontecaldelas e Vilaboa, o pasado 16 de agosto, non foi ata onte cando as partes implicadas se sentaron a negociar para resolver o conflito. Onte, e na sede da Inspección de Traballo da Xunta, en Vigo, reuníronse representantes da empresa Urbaser e representantes dos traballadores do sindicato UXT. A instancia do xefe da Inspección de Traballo de Pontevedra, José María Casas de Ron, celebrouse a xuntanza na que ambas as partes aceptaron a mediación dun representante do Consello Galego de Relacións Laborais. Ignacio Santiago, da UXT, explica que isto supón "un claro avance" para poñer fin ó conflito, xa que ata o de agora empresa e traballadores non se sentaran a negociar. Segundo Santiago a posición da empresa mudou ó ver que os traballadores "se amosaron firmes en continuar coa folga". A próxima cita será mañá e nela empezarase a negociar o convenio que reivindican os traballadores de Urbaser asignados aos servizos municipais de limpeza e recollida de lixos do tres concellos. Un convenio que se marca como obxectivo a equiparación salarial e das condicións de traballo cos empregados que a empresa ten noutros concellos de Galicia. As diferencias, como denuncian desde o sindicato, chegan nalgúns casos a superar os 6.000 euros anuais. Os folguistas decláranse dispostos a negociar, pero advirten que é un requisito indispensable para alcanzar calquera tipo de acordo "a readmisión dos tres traballadores despedidos durante a folga".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: