www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 16 de Outubro de 2019

Redetroco, un lugar para intercambiar coñecementos
Sociedade • 16/09/2011
Autor: Ana Prieto

Unha nova rede social acaba de nacer en Redondela. É Redetroco, un espazo onde todos os que o desexen poden poñer ó servizo dos demais os seus coñecementos e habilidades, e ó mesmo tempo recibir outros servizos. Os intercambios son de balde e pasan por cuestións tan variadas como as clases de idiomas, música, deportes ou informática. Para poder participar tan só hai que rexistrarse en trocoredondela@gmail.com.


Partindo da premisa de que todas as persoas teñen algún coñecemento que pode resultar interesante para os demais, nace Redetroco. Nesta rede de intercambio a moeda é o saber, e o tempo que os participantes queiran dedicarlle ós demais. A rede está aberta a todos os que queiran participar, e é de balde. O obxectivo dos organizadores, como explica Merchi Martínez, é crear unha rede social e cultural que acolla a diferentes persoas de Redondela e a súa contorna, "fomentar a participación cidadá" cun proxecto que chegue a xentes de distintas idades e condicións. A dinámica para participar é sinxela. Cada persoa ten que ofrecer, cando menos, unha actividade ou saber: desde clases de música ata a práctica dalgún deporte, obradoiros de cociña ou conversa nalgún idioma estranxeiro. Por outra banda inclúense as demandas, o que a un lle gustaría facer ou aprender. Cada unha das ofertas e demandas envíanse ao correo electrónico trocoredondela@gmail.com e, unha vez ordenadas, son reenviadas a todos os participantes. A rede funciona logo de xeito autónomo, os interesados nalgunha actividade deben poñerse ponse en contacto co ofertante e acordar logo os horarios e contidos da actividade. Cada dous meses, as ofertas e demandas renóvanse e, por medio do correo electrónico, reenvíanse a todas as persoas pertencentes á rede. O primeiro boletín de ofertas e demandas enviarase o 1 de outubro. E xa hai case un cento de ofertas. Martínez explica que van desde os idiomas ata os xogos de mesa, pasando por actividades ó aire libre, as clases de informática ou a cociña.


Reunións


Desde Redetroco organizarán reunións para que os membros da rede se coñezan e poidan intercambiar impresións. A primeira será o 7 de outubro no Centro Cultural Chan das Pipas, de Saxamonde, e está previsto que se repitan o primeiro venres dos meses pares. Será un xeito máis de dinamizar á sociedade, e o obxectivo é facer estas reunións nas diferentes parroquias do municipio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: